Sementar para avanzarmos

Houbo, e hai, no debate sobre as confluencias electorais unha omisión grave. Pártese sempre de análises de foto fixa. De extrapolacións mecánicas duns resultados concretos que pasan a ser proxectados como certezas do futuro. Así, a aritmética presente tórnase en prognóstico indiscutíbel. É obvio que hai algunhas tendencias de fondo que dificilmente reverteran no inmediato. Mais, en rigor, é difícil de soster e argumentar a aposta na confluencia/articulación electoral como se esta garantise per se os resultados que se procuran no cuantitativo, e non presentasen alteracións no cualitativo. Esta tese cimentase na primacía do como, da forma, desprezando a importancia (capital) do que e o para que. Seguir lendo “Sementar para avanzarmos”

Nin abandono, nin resignación: desterrarmos o derrotismo

No debate que se vén de iniciar no BNG, após os maos resultados do 20D e de cara á  Asemblea Nacional ordinaria do 28F, abundan os símiles náuticos. Debe ser reflexo dunha pulsión subconsciente onde o mar é un factor esencial para comprendermos o país. No entanto, permite tamén entroncar, con retranca, coa retórica da nova política e os seus novos enunciados e marcas.

Seguir lendo “Nin abandono, nin resignación: desterrarmos o derrotismo”

Catro apontamentos após o 20D

No que atinxe a Galiza, os resultados do 20D foron maus. Tanto polo feito de que o PP de Feijóo resiste ben –dado o contexto– como primeira forza, como polos resultados colleitados polo nacionalismo galego artellado arredor de Nós-Candidatura Galega. A coalición de Podemos con EU, Anova e as “mareas” das cidades, logrou dar un novo sorpasso ao PSdeG, asestando un duro golpe en núcleos como Vigo, onde pasou de primeira forza en maio (cunha inesperada e histórica maioría absoluta para Caballero) a terceira, por detrás do PP.

Seguir lendo “Catro apontamentos após o 20D”

(Só) en Bloque podemos

Unha semana despois das masivas mobilizacións sindicais contra o recortazo de Rajoy, o clamor social volveu a expresarse nas rúas, ateigando Compostela co gallo da celebración, unha vez máis exitosa, do Día da Patria.

A celebración deste 25 de xullo foi unha constatación da ligazón intrínseca que noso país existe entre a cuestión social, de clase, e a nacional. Nas consignas e nos ánimos dos milleiros de persoas que secundaron a convocatoria do BNG, agromaba a consciencia de que a liberación social e a nacional son un proceso indisoluble e indivisible.

Seguir lendo “(Só) en Bloque podemos”

Alguén o tiña que dicir

Un dos mantras do pensamento dominante é o do consenso. Consenso forzoso e antidialéctico. A ditadura do gris mediocre que criminaliza calquera contraste, sobre todo os máis agudos.

Un dos campos nos que se libra a batalla das ideas é o da linguaxe. Recursos como a neolingua son empregados para nos impor un marco ideolóxico onde os significantes engolen os significados. Onde os conceptos se prostitúen mediante a retórica da manipulación. A uniformidade do ‘politicamente correcto’, ou o que é o mesmo: do que non incomoda. Non caben adxectivos, non cabe cualificación. Nada que poida contribuír a definir con nitidez a realidade. Nada que permita liberarse do xugo alienante das medias verdades interpretadas polos media.

Seguir lendo “Alguén o tiña que dicir”

O avanzo do 29M

O éxito da folga xeral do pasado 29 de marzo é indiscutíbel. O paro laboral e produtivo rexistrado durante a xornada na meirande parte dos sectores -e nomeadamente no ámbito industrial- foi masivo, como masivas foron as mobilizacións convocadas polo sindicalismo nacionalista e de clase.

Máis de 200.000 traballadoras e traballadores manifestáronse ese día coa CIG. Este dato encerra unha especial relevancia, non só por demostrar a capacidade mobilizadora do movemento nacionalista galego, senón sobre todo polo valor cualitativo. Mentres UGT e CCOO convocaron a folga xeral co obxectivo de sentar a negociar ao goberno Rajoy, a CIG fíxoo para esixir a retirada completa da última contrarreforma laboral. Esa diferenza e o nulo compromiso das centrais españolas por manter a loita no tempo, motivaron que o sindicalismo nacionalista convocase mobilizacións propias. Foi, máis unha vez, o entreguismo sindical de CCOO e UGT o que impediu a unidade de acción, non ningún afán isolacionista da CIG como inxustamente acusaron os media.

Seguir lendo “O avanzo do 29M”

Unidade no propósito emancipador.

Non pretendo acrecentar as análises que se teñen feito arredor do desenvolvemento e resultado da XIII Asemblea Nacional do BNG. Hai valoracións abondo, coas que en moitos casos teño unha ampla concordancia e que abordan este proceso asemblear con rigorosidade e profundidade analítica, fuxindo do simplismo co que en moitos casos, de xeito interesado, afrontaron esta cuestión as e os benególogos desde os mass media. Pouco cabería engadir ao editorial do Terra e Tempo do pasado día 31 de xaneiro, ou aos apontamentos feitos polo camarada Duarte Correa e por Rodri Suarez. Tres textos, na miña opinión, de necesaria lectura.

O certo é que foi un proceso asemblear excepcional, por mor de que como nunca antes este desenvolveuse nun clima de confrontación exhibida con obscenidade perante os medios de comunicación de masas, que a agudizaron e dramatizaron até o paroxismo, tomando iso si partido a favor dunhas determinadas tendencias. É certo que non é a primeira vez que unha parte da organización pretende utilizar a amplificación interesada dos media para sobrerepresentar no escenario público posicións que non contaron, nin contan, co respaldo maioritario da base militante. Porén, si que se incorpora un factor novo, nomeadamente pola súa reiteración e crueza, en forma de chantaxe a respecto do risco de ruptura.

Seguir lendo “Unidade no propósito emancipador.”

A alternativa esperanzadora.

O feito de que o nacionalismo galego manteña a súa representación parlamentar nas Cortes españolas, nas persoas do compañeiro Francisco Jorquera e de Olaia Fernández Davila, constitúe indiscutíbelmente un bo resultado. Porén, é comprensíbel que se desexase un resultado cuantitativamente mellor e que esa arela poida manifestarse ás veces en forma de frustración.

O 20N constitúe un bo sinal para o nacionalismo galego, na medida en que rexistra un retroceso moi leve (inferior ao 1%) en relación aos comicios xerais de 2008, amortecendo a tendencia á baixa o que nos permite poder albiscar, coa prudencia necesaria e desde a autoesixencia, o inicio dun cambio de ciclo. Sirva como exemplo disto o caso da miña cidade, Vigo, na que nestas xerais o BNG retrocedeu 10 veces menos que nas municipais de maio deste mesmo ano (-0,7% fronte un -7%) en relación a cadanseus procesos electorais anteriores. En Vigo, por vez primeira desde 2003, o Bloque obtivo máis votos nunhas eleccións xerais que nas municipais.

Seguir lendo “A alternativa esperanzadora.”