Nos grandes debates adoitan ser máis as preguntas que as certezas, as dúbidas que as rotundidades. Nos debates importantes as teses correctas acostuman ser unha síntese, coherente pero diversa, que recolla o máis acertado (procesándoo a través do debate e o contraste) das análises e das propostas.
Após os resultados do 20D tense aberto un debate no seo do BNG, mais que transcenden as paredes orgánicas. Sobre el teño escrito xa un par de apuntamentos propios (aquí e aquí), pero sobre todo teño lido unha inxente cantidade de apuntamentos alleos. Desa lectura, resulta este patchwork argumental, recollendo fragmentos de diversos textos, a veces de posicións semellantes, outras discrepantes. Son retallos, cos que sen necesariamente coincidirmos completamente, na miña opinión axudan a elevar o debate para alén de dicotomías superficiais e curtopracistas.
Agardo que esta escolma-resumo sexa de utilidade, a sabendas de que a extensión dos debates ás veces dificulta coñecer as posicións e acaba por engadir (inda máis) ruído.
Do resultado
“(…) O resultado é francamente mao -é residual nas cidades- e con el féchase un ciclo, o de dúas décadas de existencia dunha forza nacionalista galega -BNG- no Congreso dos Deputados. Dúas décadas con moitas máis luces do que sombras, un traballo dignísimo de representación deste país e de defensa dos seus intereses sen ningún tipo de hipoteca co exterior. Un traballo que non tivo agora o aval cidadán para a súa continuidade. (…) Inevitabelmente, o resultado condúcenos a unha viaxe no tempo, a 1982, con moitos matices, por suposto. (…)”
-
“Fin de ciclo“, Xosé Mexuto (21/12/2015) en Sermos Galiza.
Da crítica e a autocrítica
“(…) O resultado do 20D fai obrigada unha revisión a fondo do futuro do BNG. De certo estamos nunha encrucillada e nun momento en que cómpre xenerosidade, intelixencia e a unidade do proxecto nacionalista. É evidente que o contexto político sempre inflúe nun resultado, mais non pode ser escusa para non promover os cambios precisos que permitan un rexurdir do nacionalismo galego. Un proceso que na miña modesta opinión debe ser aberto e participativo, dando cabida a todas as persoas que desexen remineralizar e revitalizar o nacionalismo galego. Un proceso que debe partir dunha autocrítica colectiva, de analizar os erros que cada unha e cada un de nós podamos detectar, como individuos e colectivos. Un proceso que debe basearse na escoita activa e atenta da opinión de todas e cada un de nós. Un proceso que debe definir cales son as alternativas políticas e as ideas que debemos defender co obxectivo de sumar apoios á idea de emancipación política, social e cultural de Galiza.(…)”
-
“Nós, BNG e futuro”, Ana Pontón (15/01/2016) en Sermos Galiza.
“(…) Non é cuestión de repregarse nos sentimentos, na autoafirmación, nen de estar ledos ou tristes, senón de reflexionar e de corrixir, de programa e de etapas, de folla de ruta, de métodos de traballo e de política de alianzas. (…)”
-
Uns resultados que exixen reflexión, Manuel Mera (22/12/2015) en Sermos Galiza.
“ (…) tanto no discurso como na práctica, debuxouse unha e outra vez no imaxinario colectivo que a fronte perdera a conexión coa sociedade (concretándose esta eiva no mundo urbano e na mocidade), e que faltaba alternativa para esta etapa (había que abrir as portas á xente, consultala sobre o que facer). Reinterpretouse o resultado da Asemblea de Amio como un erro da maioría (algo reiterativo nas intervencións do portavoz nacional), como unha expresión de sectarismo, malia que os que marcharon non aceptaron os acordos tomados democraticamente por milleiros de afiliados/as. Déuselle pulo á idea de que non había futuro sen reunificación, especialmente con Anova, e que o éxito de AGE era produto do carisma de Beiras. En poucas palabras, que o BNG perdera o seu referente máis valioso.
(…) Renunciouse a ter referencias propias que disputaran o imaxinario colectivo, conformándose con salvar os móbeis. (…)
A fronte non poderá conquistar a hexemonía obsesionándose co institucional e con obter espazo nos medios hexemónicos, aínda que as institucións sexan importantes. Debe premer por un campo de xogo máis amplo que o definido polo sistema. E para esta loita contra corrente, o BNG necesita dunha extensa e moi formada militancia, dar pulo ao debate das ideas e á mobilización social; ou sexa: construír poder popular. Para outras andainas, Syriza amosa os límites na práctica do reformismo; e tamén mostra cal é o futuro electoral daqueles críticos serodios que se baixen dese tren. Non hai atallos!”
-
“Superar as eivas para avanzar”, Manuel Mera (05/01/2016) en Sermos Galiza.
“(…) collamos nós o touro polos cornos e enfrontémonos, responsablemente, aos nosos fallos; para citar as causas alleas chega cunha tarxeta de visita (media, poderes fácticos… o de sempre), para as nosas tal vez precisemos un bo feixe de folios. Nos últimos meses fixemos un ridículo considerable, chegando a cortexar en público unha moza esquiva ata a mesma porta da igrexa na que ía casar con outro. De que serviu? Ninguén valora e premia a teimosía chorona. En poucos días aplicamos un método alleo para conformar as listas de candidatos, esquecendo que o natural, o ser un mesmo, é o que dá credibilidade; pensamos un novo nome e, como se nos avergoñásemos das nosas siglas, renunciamos a elas e saímos ao foro con outras descoñecidas. Copiamos dos produtos do 15 M o que eles mesmos xa estaban abandonando e non se nos ocorreu pensar que, se Beiras acadou bos resultados hai anos, foi porque tiña detrás o aparato do BNG (UPG incluída) e polo seu carisma e dotes oratorias. Desta viaxe, o que distinguía aos novos líderes era precisamente a súa facilidade expresiva, aprendida ou perfeccionada en clases de comunicación social e retórica. Pola contra, eu teño que recoñecer que, nun mitin, fun incapaz de aplaudir para, co resto do auditorio, encher os involuntarios ocos do que o noso conveciño pontevedrés do século XVIII, o padre Isla, chamaba “taciturnidades del labio”. Un desastre de comunicación. Todo foi feito á presa e mal.”
-
“O bergantín-goleta do BNG ten que entrar en dique”, Francisco Calo Lourido (09/01/2016) no Terra e Tempo.
“(…) Para min, os pontos fortes do Bloque foron sempre a seriedade, a honradez e a postura (coido que sobretudo da UPG) anti Unión Europeia. A seriedade ten importancia nun momento en que se está facendo todo o posível para que a política non se tome en sério. A honradez é un grandísimo mérito cando o que impera é a corrupción desmandada. E a postura anti Unión Europea é unha orixinalidade dentro dunha esquerda como a europeia que, con grande incoerencia, foi o principal apoio da UE, moito mais que a direita.
(..)
Todo o BNG semella ir agora ás eleicións disfarzado de lixeiro por medo a que os votantes o rexeiten por serio. O resultado é que os votantes non ven que ofereza nada que teña sustancia abondo como para votalo. Desta vez ademais apresentouse baseándose en que eles eran os mais galegos, os ¨da casa¨, e iso é un calco da típica familia do patriarcado, que tanto dano fai á Galiza, na que hai unha loita por ser os ¨bons fillos¨ que teñen mais direitos que os outros.(…)”
-
“Desde fóra”, Teresa Barro (13/01/2016) en Sermos Galiza.
Do que facermos
“(…) Non nego a importancia que teñen hoxe en día as convocatorias electorais ao estar cada vez máis asumida socialmente a idea da democracia como democracia representativa participando co voto cada certo tempo e como moito cungústame ou cun breve comentario nas redes socias fronte á democracia participativa que unha minoría defendemos e tentamos practicar. Pero ao igual que non nego a importancia das eleccións tampouco creo que se deban sacralizar, os resultados positivos nunha elección non valen para nada se non hai detrás un traballo social e unha organización forte, e uns resultados negativos sendo sempre un golpe importante poden superarse se hai detrás un traballo social e unha organización que permitan recuperar posicións. (…)”
-
Bos propósitos diante dun novo ano, Duarte Correa (31/12/2015) no Terra e Tempo.
“(…) Estamos nunha encrucillada, difícil. Porén, sería un erro grave deixarse guiar só polas dificultades electorais do nacionalismo na Galiza, nunha conxuntura como esta, para xustificar a súa desaparición como alternativa política específica e diferenciada. (…)”
-
Demoledor, Francisco Rodríguez (24/12/2015) no Terra e Tempo.
“(…) Nada disto empece a proclamación da nosa responsabilidade militante e da necesidade imperiosa de corrixir, rectificar, innovar, modificar… moitas das nosas prácticas organizativas, pedagóxicas, sociais, culturais. Se a isto lle quixermos chamar refundación, fágase, mais o problema non é terminolóxico. Oxalá o fose. Non cabe, porén, adanismo, nen inmobilismo”
(…) A “teoría” pasa por definirmos se queremos ser río independente ou perpetuo afluente (tributario) dun outro principal. A “teoría” pasa por aspirarmos a ser “central” operativa ou permanente sucursal; portavoces de nós proprios ou bonecos dun amo ventrílocuo. Se a “teoría” estiver clara, a práctica política e eleitoral consecuente non oferecerá dúbida nengunha, por dificultosa e dificultada que se nos apresente nesta conxuntura.(…)”
-
1916-2016, María Pilar García Negro (17/01/2016) no Terra e Tempo.
“(…) E para rematar, navegar á bolina. Para ser máis exactos, continuar a facelo mellorando a técnica de navegación. Dise en termos náuticos embolinar ou velexar de contra-vento (cast: navegar de ceñida) ao marabilloso e cuase máxico feito de levar o barco de vela cara adiante con toda a forza do vento en contra. Para iso hai que trazar un rumbo forzosamente zigzagueante que apunte só aproximadamente cara o lugar onde nos diriximos. Para nós, navegar á bolina é unha necesidade, sabendo que o vento sempre nos vai soprar de cara. Na nosa xa longa historia houbo momentos en que o fixemos realmente ben. Outras non, e desviámonos ostensibelmente do rumbo. Non nos culpemos demasiado: a tarefa nunca foi doada. Lembremos que o próximo porto non é máis nin menos que botar o PP da Xunta e comezar a respirar. Cara aí debemos dirixirnos hoxe. Calculemos a forza e a dirección do vento e tracemos o ángulo necesario. Emprendamos travesía e saibámonos perdoar se algunha vez erramos. Pero sigamos todos, xuntos e diversos.”
-
Apuntamentos para a feitura da nova casa, Miguel Rodríguez Carnota (15/01/2016) no Terra e Tempo.
“(…) a experiencia de cada día, neste país sometido, reafírmame na idea de ser, ser eu, ser nósclaramente, sen enganos nen camuflaxes, sobre todo agora, cando veñen mal dadas e hai que roer de novo a realidade crúa. Ver quen está co país e cos seus dereitos desde a postura que considere, pero sen cambadelas, claramente e sen enganos. E a partir daí, construílo mellor, orientarnos mellor, collendo os erros, fracasos e éxitos polos cornos para darlles a viraxe necesaria. (…)”
-
Ser, Lois Diéguez (07/01/2016) no Terra e Tempo.
“(…) Por iso, cando observo que mesmo hai persoas de pensamento galeguista e nacionalista entusiasmadas co éxito dunha coalición electoral que ten todo o vento a favor dunha forza estatal como Podemos, eu pregúntome: desde cando o avance dun proxecto político de nación é directamente proporcional á debilidade do nacionalismo desa nación? ¿Ou é que alguén nos quere dicir que a nación galega soberana vai ser impulsada por un partido político que naceu para facer de “pegamento” para garantir a unidade de España? E o máis importante, cando este vendaval pase e cando a marea baixe, ¿que forza política de seu terá o pobo galego para que Galiza siga paso adiante? (…)”
-
Desde a certeza da debilidade do nacionalismo, Manuel López Foxo (06/01/2016) en Sermos Galiza.
“(…) O argumento da candidatura única carece de valor. A menos que se considere que o BNG está derrotado, que non vai conseguir ningún deputado/a nas autonómicas, e que hai que buscar unha saída institucional meténdose no autobús das Mareas, porque o institucional é a cerna do proxecto (evidentemente non o da liberación).
(..)
Sei que transformar a realidade non é doado, porén subirse ás nubes (ou ás mareas) pode ser un suicidio para un proxecto transformador, a menos que se trate de mudalo todo nas formas para non cambiar o esencial no contido.
(…)
Non haberá liberación, nen tampouco un cambio de tendencia que permita mellorar as condicións de vida da maioría social significativamente, e avanzar nos dereitos democráticos e nacionais, sen unha organización construída de aceiro para confrontar co sistema e que sexa de vidro na relación coas clases subordinadas.(…)”
-
Paredes de vidro, proxecto de aceiro, Manuel Mera (19/01/2016) en Sermos Galiza.
“(…)Cómpre pensar e repensar ben o que debemos facer. O nacionalismo naceu para algo máis que para derrotar a un partido de dereitas ou para gañar unhas eleccións a un parlamento dunha nación sen estado de seu. A súa razón de ser é conseguir unha nación soberana. A ilusión, por outra parte, tampouco se debe construír pensando exclusivamente en votos, en escanos e no poder, por moi necesario que todo iso sexa para avanzarmos (…).”
-
Derrotar a Feijóo é un obxectivo político, non a razón de ser do nacionalismo, Manuel López Foxo (20/01/2016) no Terra e Tempo.
Do momento
“(…) Aqui e agora, o golpe institucional procura ao igual que em 23F de 1981 manter a toda custa a unidade de Espanha pactuada na Transiçom, sem a incómoda presença visível de uniformados. Verificaremos quem, para além da retórica e das declaraçons de galeria, se posiciona incondicionalmente com a liberdade da Catalunha.
(…)
Em plena desmobilizaçom e estado de hipnosse eleitoral do nosso povo, vamos entrar num período duro, de grandes turbulências, caraterizado polo incremento da repressom, de aceleraçom do pacote neolberal e da assimilaçom espanholista. (…)”
-
Nas portas de um novo 23F sem movimento visível de tropas?, Carlos Morais (16/01/2016) en Sermos Galiza.