Unha semana despois das masivas mobilizacións sindicais contra o recortazo de Rajoy, o clamor social volveu a expresarse nas rúas, ateigando Compostela co gallo da celebración, unha vez máis exitosa, do Día da Patria.
A celebración deste 25 de xullo foi unha constatación da ligazón intrínseca que noso país existe entre a cuestión social, de clase, e a nacional. Nas consignas e nos ánimos dos milleiros de persoas que secundaron a convocatoria do BNG, agromaba a consciencia de que a liberación social e a nacional son un proceso indisoluble e indivisible.
Para rematar co réxime de explotación capitalista, que saquea as clases populares en beneficio da oligarquía trasnacional, é imprescindible a conquista da nosa plena soberanía. E ao tempo, esa conquista, que necesariamente pasa pola constitución do Estado Galego, só será posible se é asumida, a través da loita, pola maioría social, polo pobo traballador galego.
Este 25 de xullo deu fe de que o nacionalismo galego, malia as campañas na súa contra ou dos procesos escisionarios alentados polos grandes media, non feneceu. Ao contrario. A praza da Quintana volveu ficar minúscula para acoller milleiros e milleiros de compatriotas que siguen acreditando no Bloque Nacionalista Galego como o mellor instrumento político para a defensa –en todos os planos– do noso pobo, desde a certeza de que (só) en Bloque podemos aspirar ao xa indispensable cambio de rumbo.
Artigo publicado en De Luns a Venres (páx. 5) e en Galiciaé o 27/07/2012