Nin abandono, nin resignación: desterrarmos o derrotismo

No debate que se vén de iniciar no BNG, após os maos resultados do 20D e de cara á  Asemblea Nacional ordinaria do 28F, abundan os símiles náuticos. Debe ser reflexo dunha pulsión subconsciente onde o mar é un factor esencial para comprendermos o país. No entanto, permite tamén entroncar, con retranca, coa retórica da nova política e os seus novos enunciados e marcas.

Seguir lendo “Nin abandono, nin resignación: desterrarmos o derrotismo”

(Só) en Bloque podemos

Unha semana despois das masivas mobilizacións sindicais contra o recortazo de Rajoy, o clamor social volveu a expresarse nas rúas, ateigando Compostela co gallo da celebración, unha vez máis exitosa, do Día da Patria.

A celebración deste 25 de xullo foi unha constatación da ligazón intrínseca que noso país existe entre a cuestión social, de clase, e a nacional. Nas consignas e nos ánimos dos milleiros de persoas que secundaron a convocatoria do BNG, agromaba a consciencia de que a liberación social e a nacional son un proceso indisoluble e indivisible.

Seguir lendo “(Só) en Bloque podemos”

O avanzo do 29M

O éxito da folga xeral do pasado 29 de marzo é indiscutíbel. O paro laboral e produtivo rexistrado durante a xornada na meirande parte dos sectores -e nomeadamente no ámbito industrial- foi masivo, como masivas foron as mobilizacións convocadas polo sindicalismo nacionalista e de clase.

Máis de 200.000 traballadoras e traballadores manifestáronse ese día coa CIG. Este dato encerra unha especial relevancia, non só por demostrar a capacidade mobilizadora do movemento nacionalista galego, senón sobre todo polo valor cualitativo. Mentres UGT e CCOO convocaron a folga xeral co obxectivo de sentar a negociar ao goberno Rajoy, a CIG fíxoo para esixir a retirada completa da última contrarreforma laboral. Esa diferenza e o nulo compromiso das centrais españolas por manter a loita no tempo, motivaron que o sindicalismo nacionalista convocase mobilizacións propias. Foi, máis unha vez, o entreguismo sindical de CCOO e UGT o que impediu a unidade de acción, non ningún afán isolacionista da CIG como inxustamente acusaron os media.

Seguir lendo “O avanzo do 29M”

Benegoloxía, táctica e estratexia.

A convocatoria da vindeira Asemblea Nacional Ordinaria do BNG, que haberá que ver se fica adiada por mor do adianto electoral (opción que parece a máis razoábel), produciu un reponte no intenso axer dos máis diversos benególogos. Opinadores curiosamente articulados -na súa práctica unanimidade- en posicións de moderación ideolóxica en comuñón co posibilismo electoral da súa vocación reformista de escaso alcance transformador. Pode resultar inxusto desbotar que eses contributos non partan dunha vocación de achega en positivo, mais a evidencia empírica refuga desa opción, deixando entrever que tanta benegoloxía non pode ser amor, senón o contrario.

Non cuestiono o dereito a discrepar, a criticar e mesmo abxurar de calquera aspecto ou da totalidade da liña política e/ou modelo organizativo do BNG. Reclamo o meu para disentir desa discrepancia monolítica que sempre cuestiona precisamente os aspectos máis incisivos e audaces da liña política e das propostas do nacionalismo galego, en favor das teses máis acomodaticias e conservadoras.

Seguir lendo “Benegoloxía, táctica e estratexia.”

O nacionalismo en defensa de Galiza.

Neste momento da historia volve agromar con nitidez o duplo espolio que padece a maioría social do noso país.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/df8t5Y4ktNo" width="520" height="320" wmode="transparent" /]

Galiza está a atravesar unha situación de emerxencia. Resultado das políticas do PSOE en Madrid e do Partido Popular na Xunta, o noso país está a padecer taxas de desemprego record, con milleiros de familias galegas sen ningunha fonte regular de ingresos, así como unha merma da produtividade.

Mais tamén ficamos nunha conxuntura na que está en risco o exiguo autogoberno que posúe a nosa nación, como demostra a decisión do goberno Zapatero de privatizar a caixa de aforros galega para llela entregar ao grande capital financeiro foráneo. Seguir lendo “O nacionalismo en defensa de Galiza.”

Non á Constitución.

auto-p

Por razóns biolóxicas elementais non puiden participar do referendo da Constitución Española de 1978. Porén, o certo é que de poder telo feito tería votado non. Basicamente por concordar cento por cento coa valoración que naquela altura fixo o nacionalismo galego, nun acto valente de firmeza ideolóxica e de coherencia, que turraba contracorrente da legalización do franquismo -chamada transición democrática-, por unha democracia real que partise do recoñecemento da nosa nación. Proxectar o que un tería votado en chave pretérita é certo que resulta sinxelo e tremendamente cómodo. A cuestión é que de ter a oportunidade hoxe de referendar aquela Constitución, ou calquera semellante, o meu voto tamén sería contrario.

O españolismo ten feito da actual carta magna un texto case sagrado e santificado. A súa data conmemorativa serve todos os anos para un enxalzamento chauvinista e tremendamente rancio. Hai quen a reivindica sen tapuxos por ser garante, forzoso, da santa unidade da España Unha. Hai tamén, quen disimula, alegando que con ela chegaron as liberdades.

Seguir lendo “Non á Constitución.”

Artigo de Guillerme Vázquez sobre o Afganistán.

A continuación reproduzo, polo seu interese e valor clarificador, o artigo do Portavoz Nacional do BNG a respecto da presenza de tropas do Estado español no Afganistán, publicado no día de hoxe:

Afganistán

Por Guillerme Vázquez, Portavoz Nacional do BNG

O Estado español continúa enlamado na operación Afganistán. Non se ten dado por parte do Goberno ningún argumento de peso que xustifique por que a día de hoxe mantén tropas no país asiático, oito anos despois do ataque ás Torres Xemelgas. É certo que a opinión pública non segue a guerra do Afganistán coa mesma paixón coa que seguiu a de Iraq, seguramente porque está moito menos presente na axenda mediática, mais a verdade é que soldados españois participan en accións bélicas no Afganistán, con serio risco das súas vidas, e colaboran na ocupación do país baixo a lideranza dos Estados Unidos.

Seguir lendo “Artigo de Guillerme Vázquez sobre o Afganistán.”

Estatuto, e conciencia, de nación.

A proximidade do inicio do curso político volveu poñer en primeira plana a posíbel reforma do Estatuto de Autonomía do noso país.

O Partido Popular xa se apresurou por boca de Mariano Rajoy (utilizando de xeito partidista a Radio Galega) a tentar botar terra sobre o debate, a golpe da afirmación demagóxica e desnortada de que a reforma estatutaria non é unha prioridade. Feijóo, obediente coma sempre ás instrucións da súa matriz española, fixo o propio dicindo que compre agardar á resolución xudicial do Estatut catalán, e adiantando a súa oposición frontal a que no hipotético novo estatuto se recolla o carácter nacional de Galiza. Nada sorpresivo, pois.

Seguir lendo “Estatuto, e conciencia, de nación.”

O exemplo de Bóveda.

1942_a_nosa_terra_alexandre_boveda590

O Día da Galiza Mártir é unha data senlleira, por servir de lembranza e público recoñecemento a insignes compatriotas que deron a súa vida polo seu pobo e polas liberdades máis esenciais. Alexandre Bóveda é, con toda certeza, unha das figuras centrais da nosa historia, polo seu importante axer na autoorganización política do pobo galego -que só se pode construír a partir da consciencia e o autorrecoñecemento de sermos nación- e tamén na análise científica da forzada e imposta dependencia económica á que o estado español condenaba -e segue a condenar- o noso país.

De absoluta actualidade e de obrigada mención están os seus traballos respecto das balanzas fiscais e da necesidade dunha facenda propia, nos que desenmascaraba a falacia infame de que somos un territorio probe e incapaz de valerse por si mesmo. Mito este último que resucitou indignamente Núñez Feijóo a conto da negociación do novo financiamento autonómico. En todo caso, estabamos e seguimos a achegar máis do que recibimos do presuntamente solidario e cohesionado Estado español.

Seguir lendo “O exemplo de Bóveda.”