Hoxe cumpríronse seis meses da celebración do referendo de autodeterminación que cunha participación de máis de 2,3 millóns de catalás e cataláns, e cun 90% a prol do ‘si’, lexitimou democraticamente a proclamación da independencia do 27 de outubro. Unha independencia en suspenso in extremis, e parece que como resultado da presión de sectores do empresariado, que deixaba pendente de constituír a República.
Se na revolución portuguesa após a vitoria de abril chegou o retroceso de novembro, en Catalunya o éxito independentista do 1-O sucedeuno o 27-O, cando o Senado autorizaba o goberno español para aplicar o artigo 155 da Constitución. Destarte, o mesmo día que o Parlament proclamaba solemnemente a decisión do pobo catalán de se constituír en República independente, Madrid legalizaba a destrución, de facto, do raquítico marco do autogoberno autonómico. O 155 converteuse nunha bula ‘constitucional’ coa que o executivo de Mariano Raxoi demoleu até os cimentos a Generalitat, tomando o control (pola forza) de toda a institucionalidade catalá, expulsando dela a dirixentes eleitos e eleitas por sufraxio popular. Algúns acabarían en prisión, caso do vicepresident Oriol Junqueras ou os jordis. Outras no exilio forzoso, como o president, Carles Puigdemont. E inda máis, encausados en procesos penais.
O 1-O o pobo catalán exerceu o seu dereito a autodeterminación elixindo democraticamente constituirse en República independente
Eses vinte e seis días foron xornadas cheas de incertezas. De expectativas enfrontadas. De accións e reaccións. De xestos e contraxestos. De discursos e moita especulación. Días frenéticos, que fixeron subir a todo un pobo a unha ‘montaña rusa’ política, social e tamén emocional, como ben describe Oriol March neste cronograma.
Das entretelas do procés soberanista, singularmente desas últimas semanas fulcrais, pouco se sabe publicamente. Precisamente o libro de March –xornalista de Política en Nació Digital–, ‘Los entresijos del procés’ (ediciones Catarata), que vén de se publicar hai apenas un par de semanas pode verter algunhas luces sobre isto e desvendar unha realidade opacada pola gris cortinaxe na que sempre se envolven as cúpulas. Se cadra, nas súas páxinas habemos poder atopar chaves que nos permitan comprender (mellor) as contradicións que trufaron o desenvolvemento deste proceso histórico.
Análises e balanzo
Seis meses poden ser un período intenso, mais son un lapso minúsculo para poder ollar con perspectiva. As análises e as lecturas que fagamos do que ten pasado até agora en Catalunya están, e estarán por un tempo, mediatizadas polo conxuntural. Distorsionadas polo ciclo de noticias, polo inmediato. No entanto, há xa elementos para poder apuntar o alcance histórico do que sucedeu naquela xornada, na que varios millóns de cidadás e cidadáns exerceron a democracia de maneira activa e constituínte, encarando con mobilización a brutal represión. Defendendo, literalmente, as urnas das porras que mallaron neles e nelas por centos. Arrepóndose ao medo coa determinación de construíren o seu propio futuro. Di José Antich, o director de El Nacional, que o 1-O o pobo catalán infrinxiu “a derrota máis grande do Estado na España moderna“. Non exaxera. O 1-O, supuxo o maior desafío ao statu quo desde a mal chamada Transición e a restauración borbónica. Nunca antes un proceso popular, indiscutibelmente popular, lograra abanear os muros de España como proxecto histórico ao servizo dos intereses da oligarquía e o imperialismo. Nunca antes a ruptura democrática pendente e postergada –grazas en grande medida á anuencia cómplice da esquerda española e, singularmente, do PCE– se comezara a facer realidade como nesa xornada.
Medio ano despois o balanzo de situación é agridoce, mais cun fondo ben amargo. Descríbeo con verbo certeiro Vicent Partal, director de Vilaweb: “Medio ano despois, porén, é sobre todo no noso país onde as mudanzas van tomando corpo. A autonomía desapareceu e a república percíbese como a única oportunidade de autogoberno posíbel para o Principat. A ofensiva españolista, que chegou en novembro á cimeira, fica claramente dividida e a ruptura do bloque do 155 faise evidente. E a resistencia da xente na rúa impediu que a violencia do españolismo se poida impor. Cada lazo amarelo, cada bandeira, cada cartel, cada concentración, cada manifestación, cada debate, cada acto público, cada sesión do Parlament, cada moción municipal, cada artigo, cada publicación, cada canción, cada corte de estradas, cada xuntanza, cada recollida de sinaturas, cada billete depositado na caixa de solidariedade, cada carta enviada ás prisións, cada voto, serviron e foron unha barreira contra o fascismo e a imposición antidemocrática que os herdeiros do franquismo soñaban conseguir”. En Catalunya a realidade cotiá tornouse épica, pola forza.
O procés serviu para desenmascarar a esquerda española e a Unión Europea
O procés soberanista na Catalunya serviu tamén para desenmascarar, oxalá que definitivamente, a esquerda española que malia a súa retórica hipócrita volveu axir, como en 1978, de alicerce do proxecto unitario español; e tamén a unha inxenuamente idealizada Unión Europea, que en tanto que instrumento deseñado e construído historicamente ao servizo do capitalismo imperialista, é sobre todo unha ferramenta internacional ao servizo dos Estados nos que este (inda) se organiza.
Conta Joan Serra Carné que un dirixente independentista sintetizou o alcance do 1-O nunha máxima insuperábel: “Para o independentismo, o século XXI comeza o un de outubro“. Agora o soberanismo enfronta o repto, maiúsculo, de xestionar o valioso patrimonio partillado do 1-O. As decisións concretas, no plano máis inmediato e táctico poden condicionar o desenvolvemento histórico e estratéxico do procés. Emporiso, de como resolva o bloque independentista a disxuntiva que encara e que o interpela con urxencia, entre desobediencia ou repregamento, dependerá, como xa apuntei hai uns días noutro texto, se a República catalá avanta cara se tornar realidade ou fica/segue reducida a horizonte simbólico.
Seguir endavant
O president lexítimo, Carles Puigdemont, en prisión no exilio desde o pasado domingo, chamou expresamente a seguir adiante. A cuestión é como se substancia ese avance, concretando que folla de ruta permitirá ao soberanismo seguir endavant.
O Estado español na súa brutal ofensiva non parece ter deixado nin a máis mínima marxe para retroceder. E os acontecementos destes meses visan que cada mostra de dúbida ou cesión foi utilizada por Madrid para endurecer o embate. En perspectiva de futuro o cenario non semella nin distinto nin mellor. “Constatando o que pasou nos últimos corenta anos e o que pasa agora, [vemos que] nin con esta Constitución, nin con ningunha outra Constitución española que poda vir no futuro, há espazo posíbel para o recoñecemento da nación catalá e a plenitude dos seus dereitos”, advirte o ex vicepresident Josep-Lluís Carod-Rovira. A evidente crise do réxime político español non se ten que resolver, nin moito menos, nun sentido favorábel en termos democráticos ou de recoñecemento da diversidade plurinacional, pluricultural e plurilingüística. Moi ao contrario, a ofensiva do españolismo, a cada vez máis indisimuladamente autoritaria, permite presaxiar que o resultado pode ser precisamente o contrario.
A causa catalá é unha revolta popular e democrática fronte ao omnímodo poder do capital monopolista español.
Coas cousas así, a causa catalá é hoxe moito máis que un lexítimo reclamo soberanista. É unha revolta popular e democrática fronte ao omnímodo poder do capital monopolista español que se revolve, con violencia, perante o intento de retirar as súas gadoupas dun dos territorios máis prósperos e que representa o 20% do PIB da España-Una. Unha loita nacional fronte a ‘ocupación’ como a define o histórico militante independentista, Carles Castellanos i Llorenç. “A nosa loita actual é fundamentalmente unha loita contra a ocupación, que non é outra cousa que o conxunto de iniciativas cívicas e mobilizacións que teñen como obxectivo combater sistematicamente todas as formas de ocupación e mostrar o noso rexeitamento aos monopolios estatais”, sostén Castellanos, quen defende que as institucións autonómicas non poden ser nin “punta de lanza” nin o maior espazo para esa batalla social. “Deben ser máis ben unha parece, un muro de contención en defensa dos dereitos do pobo catalán e de denuncia, dando cobertura aos avances do movemento popular cara a independencia e a República, a partir da protección dos dereitos democráticos incluíndo o dereito de autodeterminación”.
Lembrar, sempre
Dixemos que seis meses non son nada nunha liña de tempo. Mais nesta etapa histórica, marcada por unha velocidade de vertixe e no marco dunha sociedade da (des)información obesa de “noticias”, a censura toma forma de saturación. De ruído que non deixa pensar. De empacho que acaba por provocar amnesia. Por iso, o mellor exercicio hoxe é parar uns minutos e volver a vista atrás. Para repasar, para comprender o que sucedeu o 1-O. Para (volver) aprender del, tirando leccións de futuro. Nesa tarefa, o documental “Sense Ficció 1-O” de TV3 é un recurso de grande utilidade.