Adianto electoral inevitábel

O vindeiro 16 de setembro celebraranse as eleccións ao Parlamento de Galiza. Así se afirmou hai poucos días en diferentes crónicas informativas. A data seica foi unha imposición de Rajoy a un Feijóo que prefería esgotar mandato e celebralas cando correspondían, no primeiro trimestre do próximo ano. A falta de confirmación oficial, que só poderá vir en forma de decreto de disolución do Parlamento galego, o certo é que esa data xa se toma como unha referencia máis que probábel.

No criterio atribuído a Rajoy, de seguro pesa o cálculo estritamente electoral. En Génova están a calibrar cal é o mellor momento para a celebración dos comicios autonómicos en Galiza. Fano desde a previsión, ou certeza, de que nos vindeiros meses haberá novas e máis fortes vagas de recortes e contrareformas. Saben que as mesmas han provocar, como é lóxico, unha importante contestación social. En síntese, a decisión da matriz española do PP opera dentro da pura economía de custes. De custes electorais propios.

Seguir lendo “Adianto electoral inevitábel”

Dous anos de desgoberno Feixóo.

Un goberno inoperante, incompetente, que exerce de sucursal dos intereses e posicións do PP a nivel de Estado.

Veñen de cumprirse dous anos desde que o Partido Popular regresase, pola mínima cun resultado electoral moi axustado, ao goberno galego. Cando se supera o ecuador da lexislatura, a Xunta presidida por Feixóo amosa un balanzo desolador da súa acción, ou máis ben inacción, de goberno.

O primeiro aspecto a salientar é que o PP, malia ter obtido menos votos que a suma dos votos ao BNG e ao PSOE e ter unha maioría por un só deputado, ten actuado coma se ostentase unha maioría moito máis ampla, despregando o talante máis antidemocrático e autoritario que nos remonta á etapa do rodillo que practicaba Manuel Fraga. O seu talante, sectario e autoritario, desenmascarou a un executivo que se presentaba como unha equipa técnica, de xestión, demostrando que o goberno Feijóo opera nunhas coordenadas ideolóxicas ben claras e definidas, que non son outras que a do sucursalismo patético do discurso reaccionario, antisocial e españolista que o Partido Popular desprega desde Madrid. Seguir lendo “Dous anos de desgoberno Feixóo.”

Orzamentos, crise e alternativas.

Alén de non facer practicamente nada para tentar frear os efectos máis lesivos da vixente crise que segundo Feijóo ía superarse apenas unhas semanas despois de que tomase posesión, o seu desgoberno acaba de reiterarse na súa orientación neoliberal aprobando uns novos orzamentos antisociais.

Antisociais, e mesmo pro-crise, tendo en conta que a administración galega desiste de tentar paliar, inda que sexa en parte, a perda de investimento privado -que explica en parte o forte desemprego que azouta o noso país-, xa que no canto de incrementar o investimento público rebáixao. Por non falarmos dos novos recortes orzamentarios en eidos tan fulcrais como son a sanidade e o ensino; dereitos irrenunciábeis para a maioría social. Seguir lendo “Orzamentos, crise e alternativas.”

Primeiro cabodano.

Onte cumpriuse un ano da celebración das últimas eleccións autonómicas que suporían, por unha estreitísima marxe, o regreso do PP á Xunta de Galiza, após catro anos de goberno bipartito PSOE-BNG co que se puxera fin a dezaseis anos de fraguismo. Ese resultado produciuse despois dunha campaña electoral ademais de prolongada -por torpeza de Touriño na convocatoria- tremendamente dura e sucia, onde a demagoxia foi a nota dominante do agresivo discurso da dereita españolista que representa o Partido Popular, que reaxía así airadamente perante os primeiros pasos do desmantelamento da estrutura e rede política clientelar tecida durante os mandatos de Manuel Fraga.

Foron precisamente os avances transformadores dados, pese ás insuficiencias, durante o goberno bipartito, especialmente nas áreas baixo dirección nacionalista (políticas de benestar, acción decidida no medio rural, innovación, nova política de vivenda…), os que explican a embestida electoralista do PP.

Seguir lendo “Primeiro cabodano.”

A Xunta do escándalo.

Tralo regreso do Partido Popular ao goberno da Xunta de Galiza, non hai semana sen escándalo ou sobresalto. Os cen primeiros días de Feijóo ademais de demostración empírica de que o PP carece dun proxecto para o país, que vaia alén de empregar Galiza como territorio-catapulta para devolverlle á dereita o goberno do Estado, deixaron ás claras que coma ben advertira o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, trala imaxe de aparente modernidade e do perfil tecnócrata, achábase a dereita españolista e antisocial de sempre.

A enquisiña ad hoc contra o galego no ensino, a vergoñenta actuación no debate sobre o novo financiamento, a posición antiobreira nos conflitos laborais de maior relevancia (Metal, Caramelo…), a derrogación interesada do plano eólico do bipartito para beneficiar aos amigos, as contradicións en relación á cidade da Cultura, o incomprensíbel cambio no logo do Xacobeo, a submisión aos intereses da metrópole madrileña en relación ás caixas galegas, a censura nos medios de comunicación públicos (coa exclusión na grella televisiva e radiofónica de programas incómodos), a pretensión de derivar pacientes en lista de espera á sanidade privada, a absoluta parálise en materia de políticas de benestar (facendo desaparecer maxicamente 15.000 dependentes), o anuncio da barra libre urbanística para os concellos, a suspensión do rexistro de demandantes de vivenda pública, as viaxes de autobombo a Madrid (se cadra para render contas diante da Metrópole) ou o bochornoso espectáculo ofrecido a conta da pantomima do AVE (que se retrasa sine die), poderían ser algúns exemplos ao chou da acción do executivo que preside o televisivo Núñez Feijóo, que semella sentirse máis cómodo no sofá de Buenafuente que exercendo o seu cargo. Porén, hai tres escándalos, sobre os que, por diversas razóns, vou determe en maior profundidade.

Seguir lendo “A Xunta do escándalo.”