Desbotado Rajoy, Sánchez pode logralo

A repetición das eleccións xerais é, a cada paso, unha hipótese máis remota. Os resultados do 20D xa permitían de feito desbotala, agás que mediase algunha excepcionalidade. Os motivos que dez días despois dos comicios me levaban a concluír, ou a intuír, que non haberá novas eleccións fican vixentes. Estas semanas limitáronse a confirmar os escenarios abertos.

Seguir lendo “Desbotado Rajoy, Sánchez pode logralo”

Non haberá novas eleccións xerais: seguirá a gobernar a Troika

Gobernará a Troika. No Estado español seguirá a mandar o grande empresariado e a banca, o capital. Eis a única certeza sobre quen ocupará a Moncloa após os resultados das eleccións xerais do 20D. O bipartidismo sistémico, PP-PSOE, retrocedeu, si. Porén, o principal cambio nese bloque é que pasa a se formular en tridente con Ciudadanos. Así a Troika continúa a ter maioría absoluta no Congreso, con 253 escanos.

Seguir lendo “Non haberá novas eleccións xerais: seguirá a gobernar a Troika”

Adianto electoral inevitábel

O vindeiro 16 de setembro celebraranse as eleccións ao Parlamento de Galiza. Así se afirmou hai poucos días en diferentes crónicas informativas. A data seica foi unha imposición de Rajoy a un Feijóo que prefería esgotar mandato e celebralas cando correspondían, no primeiro trimestre do próximo ano. A falta de confirmación oficial, que só poderá vir en forma de decreto de disolución do Parlamento galego, o certo é que esa data xa se toma como unha referencia máis que probábel.

No criterio atribuído a Rajoy, de seguro pesa o cálculo estritamente electoral. En Génova están a calibrar cal é o mellor momento para a celebración dos comicios autonómicos en Galiza. Fano desde a previsión, ou certeza, de que nos vindeiros meses haberá novas e máis fortes vagas de recortes e contrareformas. Saben que as mesmas han provocar, como é lóxico, unha importante contestación social. En síntese, a decisión da matriz española do PP opera dentro da pura economía de custes. De custes electorais propios.

Seguir lendo “Adianto electoral inevitábel”

Dous anos de desgoberno Feixóo.

Un goberno inoperante, incompetente, que exerce de sucursal dos intereses e posicións do PP a nivel de Estado.

Veñen de cumprirse dous anos desde que o Partido Popular regresase, pola mínima cun resultado electoral moi axustado, ao goberno galego. Cando se supera o ecuador da lexislatura, a Xunta presidida por Feixóo amosa un balanzo desolador da súa acción, ou máis ben inacción, de goberno.

O primeiro aspecto a salientar é que o PP, malia ter obtido menos votos que a suma dos votos ao BNG e ao PSOE e ter unha maioría por un só deputado, ten actuado coma se ostentase unha maioría moito máis ampla, despregando o talante máis antidemocrático e autoritario que nos remonta á etapa do rodillo que practicaba Manuel Fraga. O seu talante, sectario e autoritario, desenmascarou a un executivo que se presentaba como unha equipa técnica, de xestión, demostrando que o goberno Feijóo opera nunhas coordenadas ideolóxicas ben claras e definidas, que non son outras que a do sucursalismo patético do discurso reaccionario, antisocial e españolista que o Partido Popular desprega desde Madrid. Seguir lendo “Dous anos de desgoberno Feixóo.”

Orzamentos, crise e alternativas.

Alén de non facer practicamente nada para tentar frear os efectos máis lesivos da vixente crise que segundo Feijóo ía superarse apenas unhas semanas despois de que tomase posesión, o seu desgoberno acaba de reiterarse na súa orientación neoliberal aprobando uns novos orzamentos antisociais.

Antisociais, e mesmo pro-crise, tendo en conta que a administración galega desiste de tentar paliar, inda que sexa en parte, a perda de investimento privado -que explica en parte o forte desemprego que azouta o noso país-, xa que no canto de incrementar o investimento público rebáixao. Por non falarmos dos novos recortes orzamentarios en eidos tan fulcrais como son a sanidade e o ensino; dereitos irrenunciábeis para a maioría social. Seguir lendo “Orzamentos, crise e alternativas.”

Tempos para a verificación

Fronte á ditadura do aparente, que sostén a artificiosa mercadotecnia oficial, onde cada cousa non é o que realmente é senón apenas o que representa, o que aparenta, só un ollar crítico dunha realidade inobxectivábel nos axudará a non afogar na maré uniformadora do pensamento único.

Feijóo para defender o decretazo antigalego, enarborou a bandeira da liberdade de elección para que as nais e pais, disque, escollesen o idioma no que han estudar os seus fillos. Esa foi a falacia, disfrazada de argumento, que se repetiu cen e mil veces para soster o insostíbel. Porén, o decreto finalmente aprobado, coa oposición da maioría das e dos galegos -visibilizada en masivas mobilizacións- e co rexeitamento de innumerábeis organismos e institucións -incluído o Consello Consultivo, a RAG ou o Consello da Cultura Galega-, exclúe ese exercicio libertino ao non incluír a posibilidade de desenvolver consultas ás nais e pais. Verifícase pois, que a decisión do PP era estratéxica, e que ía moi alén dese falso debate sobre a liberdade. O obxectivo ficou demostrado que era o de reducir a presenza do noso idioma no ensino, como paso fundamental para pór en xaque o noso principal alicerce identitario como nación.

Seguir lendo “Tempos para a verificación”

Aldraxe xenocida.

O decreto presentado este sábado polo Goberno galego de Núñez Feijóo verifica ás claras e de xeito incontestábel que a única pretensión que o inspira é a de reducir inda máis a exigua presenza do idioma propio do noso país, o galego, no ensino.

A cortina de fume do inglés, e do impostado trilingüismo, esvaeuse deixando en evidencia cal era a intencionalidade real deste grave ataque en contra da lingua galega, que coloca o noso idioma nunha situación preautonómica, de innegábel desprotección.

Seguir lendo “Aldraxe xenocida.”

Primeiro cabodano.

Onte cumpriuse un ano da celebración das últimas eleccións autonómicas que suporían, por unha estreitísima marxe, o regreso do PP á Xunta de Galiza, após catro anos de goberno bipartito PSOE-BNG co que se puxera fin a dezaseis anos de fraguismo. Ese resultado produciuse despois dunha campaña electoral ademais de prolongada -por torpeza de Touriño na convocatoria- tremendamente dura e sucia, onde a demagoxia foi a nota dominante do agresivo discurso da dereita españolista que representa o Partido Popular, que reaxía así airadamente perante os primeiros pasos do desmantelamento da estrutura e rede política clientelar tecida durante os mandatos de Manuel Fraga.

Foron precisamente os avances transformadores dados, pese ás insuficiencias, durante o goberno bipartito, especialmente nas áreas baixo dirección nacionalista (políticas de benestar, acción decidida no medio rural, innovación, nova política de vivenda…), os que explican a embestida electoralista do PP.

Seguir lendo “Primeiro cabodano.”

Decretazo do complexo.

anxolorenzo_vazquez

Mañá os centros de ensino de todo o país pararán, secundando unha folga contra o decretazo antigalego aprobado polo Partido Popular. O devandito decreto, presentado como plurilingüe, representa obxectivamente o maior golpe institucional contra o idioma propio do país, o galego, nos últimos trinta anos, alén de rachar co consenso histórico sobre o que cristalizou o Plan xeral de normalización lingüística.

Para o PP de Feijóo o asunto non é só unha manobra electoralista, ten tamén calado estratéxico e nomeadamente ideolóxico. É a concreción práctica da mutilación que a dereita españolista quere perpetrar contra todos os soportes da nosa identidade como pobo, como nación. De aí que a presión social a favor do idioma, e contra esta nova aldraxe, sexa indispensábel para tombar iniciativas que, coma esta, atentan contra o cerne do que colectivamente somos. Seguir lendo “Decretazo do complexo.”