Sermos Galiza na comunicación.

O peche do GH fixo que volvese agromar o debate a respecto da necesidade nacional de térmonos uns media propios, que se asenten na defensa e dignificación da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e que axan como activas palestras para a defensa dos intereses e dereitos do noso pobo.

A conmoción levou ao loito, o loito ao lamento, e o lamento máis unha vez á masoquista tradición da autoculpabilización. Estes días amosaron con crueza a faciana do paralizante sentimento de frustración que provocan nalgúns sectores os “fracasos”.

Seguir lendo “Sermos Galiza na comunicación.”

O nacionalismo en defensa de Galiza.

Neste momento da historia volve agromar con nitidez o duplo espolio que padece a maioría social do noso país.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/df8t5Y4ktNo" width="520" height="320" wmode="transparent" /]

Galiza está a atravesar unha situación de emerxencia. Resultado das políticas do PSOE en Madrid e do Partido Popular na Xunta, o noso país está a padecer taxas de desemprego record, con milleiros de familias galegas sen ningunha fonte regular de ingresos, así como unha merma da produtividade.

Mais tamén ficamos nunha conxuntura na que está en risco o exiguo autogoberno que posúe a nosa nación, como demostra a decisión do goberno Zapatero de privatizar a caixa de aforros galega para llela entregar ao grande capital financeiro foráneo. Seguir lendo “O nacionalismo en defensa de Galiza.”

Como celebrar a Constitución que nos nega?

“(…) a xestión de competencias delegadas pola soberanía española non é ningún xeito de autodeterminarse”

Un 6 de decembro máis asistimos ao enxalzamento do texto constitucional co que se legalizou de facto a ditadura franquista, converténdoa nunha democracia formal homologábel ás do resto da Europa occidental. Non foi ningún acto de xenerosidade, nin de repentina conversión aos valores democráticos. A constitución española foi -e segue a ser- un instrumento ao servizo da oligarquía capitalista española que precisaba a súa inserción plena no mercado europeo. O vixente texto constitucional, erixido en palabra sacra e inmutábel polo españolismo (tanto na súa variante neoliberal como na socialdemócrata), non contén ningún motivo de celebración, alén da superación formal dun réxime protofascista como foi o franquismo. Mais, algunha vez debemos superar a conservadora matraca do menos malo.

Esta constitución ten como un dos seus principais axiomas a negación da diversidade nacional do Estado, proclamando a indivisíbel unidade dunha entidade política (o Estado español) que non foi resultado senón dun continuado e artificioso proceso histórico de imposición e de asimilación centralista. Seguir lendo “Como celebrar a Constitución que nos nega?”

Lume no monte.

A presente vaga de lumes, que desgrazadamente lembra moito a de 2005, debe provocar unha reflexión social, pero tamén decididas actuacións políticas. O lume é unha catástrofe e os incendiarios uns perigosos delincuentes. Mais alén da acaída ou desacertada política de extinción, estes feitos volven colocar enriba da mesa unha cuestión central: a posta en valor do noso monte.

O monte desatendido, sen ningún tipo de acción humana, sen actuacións preventivas, convértese en mans dos pirómanos nunha inxente masa inflamábel para beneficio da especulación carroñeira. Cabe logo preguntarse se o fenómeno do lume estival nos nosos montes non ten a ver moito co feito de que teñamos desistido do seu aproveitamento racional e respectuoso que outrora se practicara en Galiza.

Seguir lendo “Lume no monte.”

25 de xullo, máis unha vez.

O Día da Patria non é unha data ritual, nin un acto de liturxia electoral. Cada 25 de xullo, milleiros de galegas e galegos percorremos as rúas de Compostela para expresar con rotundidade que somos nación, e reclamar como tal os nosos dereitos, principiando polo de decidir por nós mesmas e mesmos o noso futuro.

Este 25 de xullo ten unha significación especial, fundamentalmente por dúas razóns. En primeiro lugar, a sentenza do Tribunal Constitucional, en clara connivencia coa estratexia recentralizadora compartida por PP e PSOE, vén de evidenciar que a conquista dun maior autogoberno non virá pola vía da concesión graciosa do Estado, inmerso nun novo proceso de concentración dos espazos de decisión política e tamén económica -a reforma da Lorca coa bancarización das caixas é un claro exemplo-. Non haberá recoñecemento do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado, se non é a través do exercicio de presión que podemos exercer desde Galiza, Euskal Herria e mais os Països Catalàs. Os límites do vixente marco constitucional e estatutario fican claros, haberá pois que forzalos co obxecto de permitir a libre decisión dos pobos a través do exercicio do lexítimo dereito de autodeterminación.

Seguir lendo “25 de xullo, máis unha vez.”

Estatutos, nacións e soberanía.

A sentenza do Tribunal Constitucional contra o Estatut tivo un dobre efecto inmediato. En primeiro lugar, como é obvio, afondou na aldraxe que xa previamente cometera o Congreso dos Deputados contra un texto aprobado daquela por unha amplísima maioría do Parlament, limitando dun xeito evidente o marco de autogoberno que, curiosamente, xa se está aplicar en Cataluña. Por outra banda, a resolución do TC desbloqueou de facto tamén reformas estatutarias pausadas como a galega.

As conclusións evidentes de todo este proceso é que o deseño dun estado plural, que se alicerce no recoñecemento xurídico da súa plurinacionalidade, pluriculturalidade e plurilingüismo, vai esixir tamén cambios de calado lexislativo. Máxime nun Estado que, desde unha interesada falsa separación de poderes, coloca unha instancia xudicial como o TC a xeito de 4ª cámara lexislativa, por riba dos parlamentos autonómicos, Congreso e Senado.

Seguir lendo “Estatutos, nacións e soberanía.”