Da ‘refundación’ e outros mantras.

Trala reiteración até a extenuación do mantra da ‘renovación’ e ‘apertura’ da esquerda, e tras comprobar o fracaso reiterado destas formulacións propias do postmodernismo progre (baste observar os resultados recentes nas eleccións lexislativas en Portugal), desta volta o novo becerro de ouro é o da ‘refundación’, sexa da esquerda en xeral ou do nacionalismo galego en particular. Vese máis unha vez que determinados sectores seguen a esforzarse máis no significante, na formulación aparente, que no significado ou no contido concreto da súa proposición política. Ficamos pois, perante unha nova vaga de fermosas palabras que malia nacer -nalgúns casos mais non en todos- da boa intención acaban por ser simple envoltorio estético de discursos baleiros.

A estas alturas xa non hai nada máis vello que a teima pretendidamente ‘anovadora’, trala que se agocha as máis das veces unha deliberada intención de moderar discursos, de atenuar proxectos e de dulcificar perfiles por puro posibilismo electoralista. Quen sustenta este tipo de discursos na ‘modernidade’ obvia que non hai nada máis antigo que o reformismo.

Seguir lendo “Da ‘refundación’ e outros mantras.”

Decretazo do complexo.

anxolorenzo_vazquez

Mañá os centros de ensino de todo o país pararán, secundando unha folga contra o decretazo antigalego aprobado polo Partido Popular. O devandito decreto, presentado como plurilingüe, representa obxectivamente o maior golpe institucional contra o idioma propio do país, o galego, nos últimos trinta anos, alén de rachar co consenso histórico sobre o que cristalizou o Plan xeral de normalización lingüística.

Para o PP de Feijóo o asunto non é só unha manobra electoralista, ten tamén calado estratéxico e nomeadamente ideolóxico. É a concreción práctica da mutilación que a dereita españolista quere perpetrar contra todos os soportes da nosa identidade como pobo, como nación. De aí que a presión social a favor do idioma, e contra esta nova aldraxe, sexa indispensábel para tombar iniciativas que, coma esta, atentan contra o cerne do que colectivamente somos. Seguir lendo “Decretazo do complexo.”