CiU e o AVE para Galiza

As declaracións de diferentes representantes de CiU contra o investimento no AVE galego volven retratar a forza ‘nacionalista’-conservadora catalá. Apartemos da cuestión o entusiasmo ou rexeitamento que xera unha infraestrutura discutíbel coma o tren de alta velocidade. O tema é outro. A defensa dunha balanza impositiva máis favorábel aos intereses cataláns é unha aspiración lexítima. Facelo ademais cuestionando o proceso de recentralización política e económica do Estado é razoábel. Porén, cuestionar un investimento nun territorio coma Galiza co que o Estado acumula unha débeda histórica é irracional e inxusto. Cabe engadir ademais que Galiza tamén achega máis ás arcas centrais do estado -en impostos- do que recibe destas -en financiamento- como ten demostrado reiteradamente nas súas análises económicas Xosé Díaz Díaz.

Os líderes de CiU para reequilibrar os orzamentos xerais do Estado ao seu favor optaron por bater contra o investimento en Galiza presos da súas posicións políticas. Dificilmente poderían pedir a rebaixa do gasto militar demandando a retirada de tropas en misións imperialistas, xa que contan co seu apoio entusiasta. Tampouco podían reclamar unha reformulación da fiscalidade na liña contraria ao modelo neoliberal que partillan. Non falemos xa de pedir a supresión dos beneficios da igrexa católica, tendo en conta a pata democristiana da coalición catalá.

Seguir lendo “CiU e o AVE para Galiza”

Nova estación de tren

Outra reviravolta ao AVE que nunca chega. A ministra de Fomento anunciou a súa intención de manter o faraónico proxecto de Thom Mayne para a nova estación de tren de Vigo, disque daquela xa conectada por alta velocidade.

Francamente, á veciñanza tanto nos ten o deseño estético, a grandeza arquitectónica ou a pomposidade do seu autor. O realmente importante é ter unha estación de tren funcional, con máis e mellor servizo do actual. Unha estación útil na medida en que se teña mellorado a deficiente conexión por camiños de ferro, que serva para o seu cometido esencial: favorecer a mobilidade a través dun medio económico e sustentable como é o tren.

Seguir lendo “Nova estación de tren”