Nin Mas, nin març: Catalunya avanza.
«Ou Mas ou març». Ese era un dos enunciados que nas últimas semanas sintetizaba a chantaxe de Junts pel Sí á CUP, para forzar o independentismo anticapitalista a investir a Mas baixo a ameaza duns novos comicios, nos que o soberanismo podía perder a maioría parlamentar. Esa idea, a da imposibilidade de que puidese haber procés sen o xa exPresident, levou a moitas –tamén en Galiza– a cuestionaren a decisión (e os motivos que a fundamentaban) adoptada pola maioría da CUP. Non só non era imposíbel, senón que finalmente foi.