
Hoxe constituíse formalmente o grupo de comunicación ‘Sermos Galiza‘. Esta mañá en Compostela tivo lugar a súa primeira Xunta Xeral de Accionistas, na que tiven o gusto de participar. Optouse pola fórmula de sociedade anónima para dar mellor acubillo legal a un proxecto alicerzado nun numeroso accionariado popular, cun gran número de pequenas achegas. Porén, como afirmou Manuel Mera -un dos integrantes do Grupo Promotor que pilotou a xestación do proxecto- ‘Sermos Galiza’ nace como ‘unha verdadeira empresa social, no seu pleno senso’.
Un grupo moi numeroso de persoas ateigaron a sala do Hotel Araguaney facéndoa ficar pequena. Había unha ampla representación de activistas dos movementos sociais, do mundo da cultura e do movemento nacionalista galego. Mais predominaron persoas descoñecidas que puñan en evidencia a base popular do proxecto. Había, e hai, moita fame social de medios de comunicación de noso na nosa lingua. ‘Non agardamos por unha burguesía comprometida, tomamos a iniciativa desde a base’ explicou Teresa Moure.
Seguir lendo “‘Sermos Galiza’ xa é”