As vitorias do espellismo reformista

As presidenciais francesas saldáronse coa vitoria da alternancia representada polo social-liberal François Hollande fronte ao neocon Sarkozy. Os comicios lexislativos en Grecia tiveron un resultado inédito mais non sorpresivo.

O certo é que o núcleo duro do eixo neoliberal foi claramente derrotado en ambos procesos electorais. As forzas políticas obedientes aos ditados da troika neoliberal (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) foron moi castigadas, especialmente no caso grego. Nese senso ambos resultados poden constituír un síntoma positivo. Un sinal de incipiente reacción social fronte a ofensiva do capital e a súa política de saqueo contra as clases populares. Porén, nas eleccións desta fin de semana triunfou fundamentalmente o espellismo das falsas ilusións.

Seguir lendo “As vitorias do espellismo reformista”

Dez mil millóns

Bankia, a macroentidade resultante da fusión, e bancarización, de Caja Madrid e outras seis caixas de aforros vai ser rescatada. O FROB podería destinar até 10 mil millóns de euros, de diñeiro público, para apuntalar unha entidade privada que obtivo 309 millóns de euros de beneficios o pasado ano. Si, 10 mil millóns. A mesma cantidade na que o goberno Rajoy cifrou os bestiais recortes que está a piques de perpetrar contra a sanidade e o ensino públicos, no maior ataque da nosa historia contra o Estado do benestar. ‘Non hai cartos’ xustificaba hai unhas semanas o Presidente español. Habería que precisar; non hai cartos para os servizos públicos pero si para a banca privada. Non os hai para atender as necesidades da maioría, mais hainos a esgalla para apuntalar os gaños dos máis ricos.

Rodrigo Rato dimitiu como conselleiro delegado de Bankia. Mais a súa saída reportaralle unha zumenta indemnización de 1,2 millóns de euros. Será previsibelmente relevado por Jose Ignacio Goirigolzarri, ex-conselleiro delegado do BBVA. Este nomeamento podería ser unha pista importante de que o rescate do FROB é tan só un paso previo para unha maior concentración bancaria no Estado, a través dunha fusión ou absorción cun dos grandes xigantes financeiros.

Seguir lendo “Dez mil millóns”

Valedor de Feijóo

Benigno López vai camiño de se confirmar como o máis polémico Valedor do Pobo. A unanimidade parlamentar do seu nomeamento durou ben pouco.

Case ao fío da súa elección agromaban os primeiros síntomas da súa particular concepción da institución. Unhas explosivas declaracións súas nas que puña en cuestión as políticas de normalización lingüística, provocaran en 2007 que numerosas organizacións sociais e o BNG esixiran unha rectificación formal, que non se produciu. A CIG pediu xa entón a súa dimisión.

Seguir lendo “Valedor de Feijóo”

Ou eles ou nós

A ofensiva do capital contra as clases populares para saldar a crise sistémica ao favor deste non ten límites. Iniciouse co retallamento de dereitos laborais fundamentais, co empobrecemento de salarios e pensións. A seguir, unha suba de impostos abusiva incrementando a presión fiscal sobre as rendas do traballo e ao tempo amnistiando a fraude dos ricos. Despois, a demolición do Estado do Benestar, con recortes brutais en servizos públicos esenciais como sanidade ou ensino.

Desta volta esa ofensiva bota man dun vello recurso, a privatización. Na folla de ruta da política neoliberal do goberno Rajoy, figura a privatización do transporte ferroviario ou o cobro polo tránsito nas autovías. A peaxe das autoestradas tamén subirá.Fíxase así mesmo o incremento das taxas municipais nos concellos e un novo aumento do prezo da luz e do gas.

Seguir lendo “Ou eles ou nós”

Taxas universitarias

De prosperar a pretensión do PP as taxas universitarias poderían incrementarse até un 66%. Ou o que é o mesmo: as titulacións poderán encarecerse até en 540€. A maior suba da historia coincidindo cunha grave situación social por mor da crise. Esta medida, inxusta e antisocial, sumará unha nova traba ao acceso a estudos universitarios … Seguir lendo Taxas universitarias

Naval, UE e Feijóo

A grave situación do sector naval en Galicia estivo moi presente na celebración do Primeiro de Maio en Vigo. Celebración masiva, na que o sindicalismo nacionalista tivo a maior manifestación da súa historia nesa data.

A demanda de solucións urxentes que impidan o esmorecemento definitivo da construción naval na ría de Vigo foi das máis proclamadas. As e os moitos que antonte se mobilizaron saben da estreita relación, causa-efecto, entre a situación do tecido produtivo e a taxa de desemprego.

Seguir lendo “Naval, UE e Feijóo”

CiU e o AVE para Galiza

As declaracións de diferentes representantes de CiU contra o investimento no AVE galego volven retratar a forza ‘nacionalista’-conservadora catalá. Apartemos da cuestión o entusiasmo ou rexeitamento que xera unha infraestrutura discutíbel coma o tren de alta velocidade. O tema é outro. A defensa dunha balanza impositiva máis favorábel aos intereses cataláns é unha aspiración lexítima. Facelo ademais cuestionando o proceso de recentralización política e económica do Estado é razoábel. Porén, cuestionar un investimento nun territorio coma Galiza co que o Estado acumula unha débeda histórica é irracional e inxusto. Cabe engadir ademais que Galiza tamén achega máis ás arcas centrais do estado -en impostos- do que recibe destas -en financiamento- como ten demostrado reiteradamente nas súas análises económicas Xosé Díaz Díaz.

Os líderes de CiU para reequilibrar os orzamentos xerais do Estado ao seu favor optaron por bater contra o investimento en Galiza presos da súas posicións políticas. Dificilmente poderían pedir a rebaixa do gasto militar demandando a retirada de tropas en misións imperialistas, xa que contan co seu apoio entusiasta. Tampouco podían reclamar unha reformulación da fiscalidade na liña contraria ao modelo neoliberal que partillan. Non falemos xa de pedir a supresión dos beneficios da igrexa católica, tendo en conta a pata democristiana da coalición catalá.

Seguir lendo “CiU e o AVE para Galiza”