Blogaliza bota o feche. Após doce anos de vizosa andaina, axindo como un dos máis relevantes vectores do blogomillo. Doce anos facendo Rede galega e en galego. En poucas semanas baixará as cancelas definitivamente, deixando un oco moi difícil de volver encher. É pois esta unha despedida amarga, pero chea de agradecemento. A quen fixo posíbel esta Zona Temporalmente Autónoma, na que o noso país puido construír pequenos espazos de normalidade, inda que for dixital. Obrigadísimo a Pedro Silva e a quen durante todos estes anos o axudaron e acompañaron. O seu contributo foi decisivo.
Esta despedida abre a porta, xa que logo, a unha nova mudanza deste blogue, residenciado nas cómodas estancias de Blogaliza desde practicamente os seus inicios. Cando a bitácora vén de cumprir trece anos en liña, con períodos de maior e menor actividade, agora ten por diante atopar novo emprazamento.
Polo momento aquelei un sofá-cama provisorio (ou non) en WordPress.com, mentres poño en orde as caixas simbólicas do traslado e argallo novos horizontes. Hai pois dúbidas, incertezas, pero tamén a determinación de seguir a teimar en facer deste recuncho unha trincheira dixital para o contradiscurso.
Desculpade as precariedades, foi unha reinstalación apresurada.