A repetición das eleccións xerais é, a cada paso, unha hipótese máis remota. Os resultados do 20D xa permitían de feito desbotala, agás que mediase algunha excepcionalidade. Os motivos que dez días despois dos comicios me levaban a concluír, ou a intuír, que non haberá novas eleccións fican vixentes. Estas semanas limitáronse a confirmar os escenarios abertos.
«O desaloxo de Rajoy, de feito, comezou o propio 20D, ao perder a maioría absoluta e depender de máis apoio que o de C’s»
Arestora, Rajoy semella ter tirado a toalla. Non é unha renuncia. É a constatación de que a nova aritmética parlamentar, ao pasar a súa reelección necesariamente polo apoio do PSOE –afirmativo ou en forma de abstención–, inviabilizaba a súa arela. O desaloxo de Rajoy, de feito, comezou o propio 20D, ao perder a maioría absoluta e depender de máis apoio que a súa marca branca/laranxa, Ciudadanos.
Ao PP só lle quedaba un fío de esperanza. A de que a pugna intestina no seo do PSOE, da man das baronías lideradas por Susana Díaz, lle entregase o goberno a cambio da cabeza de Pedro Sánchez. Polo momento, o secretario xeral do PSOE vai zafando desa ameaza, inda latente. Nin a reactivación do procés soberanista en Catalunya, logo do acordo entre JpS e a CUP, parece ter sido causa bastante para a súa anunciada decapitación. A viraxe adoptada na póla «progresista» dos poderes fácticos, e singularmente o cambio de discurso editorial de El País, visa que Sánchez ten serias posibilidades de resultar investido Presidente.
Opcións do PSOE
A cuestión aberta agora é baixo que fórmula e con que apoios o logrará. Sánchez procura en primeiro lugar un acordo con Podemos, a xeito de abrazo do oso que free a quen o quere sorpasar. Mais Podemos non é un proceso de acumulación, é unha disputa pola hexemonía en chave de ou todo ou nada. De aí que se poida albiscar que, en realidade, Iglesias só apoiará un goberno presidido por el mesmo.
O pacto coa formación morada non é a única opción do PSOE. Se en algo erra a formación de Pablo Iglesias é en infravalorar as capapacidades dunha forza sistémica, que durante décadas foi goberno detentando unha enorme cantidade de poder político. É como se a etiqueta «sistémica» non incluíse algunhas fortalezas: parcerías con outras capas do poder económico, empresarial e mediático; coñecemento profundo da fontanería institucional do Estado ou acceso privilexiado a información.
«PP e C’s poderían permitir gobernar ao PSOE como ‘mal menor’ fronte a Podemos»
Descartada a grande coalición con PP e Ciudadanos, si que cabe a posibilidade de que o PSOE logre –como «mal menor» fronte a Podemos– que ambas as dúas forzas nas que se articula a dereita española lle permitan gobernar. Puntos en común non lles faltan: unidade de España, economía de mercado e submisión á UE e a OTAN. Podería ser sob un acordo PSOE-C’s coa abstención do PP. Mais tamén sen existir un pacto formal, pero logrando comprometer a abstención das bancadas da dereita ao completo. Cómpre lembrar que o único que precisa un aspirante á Presidencia do Goberno español é obter máis votos a prol que en contra. Condición que cumpren os dous escenarios que acabo de comentar.
Novos comicios
Dálle máis forza á posibilidade de Sánchez encabezar un novo goberno, o feito de que as enquisas realizadas após o 20D non recollan ningún cambio substancial na correlación de forzas que permitise desbloquear a situación. Máis alá de lixeiros desprazamentos de C’s ao PP, ou ao invés, e do PSOE cara a Podemos, a composición do Congreso non ía ser moi diferente da que vén de estrear esta semana.
«Cuns novos comicios Podemos podería dar o sorpasso ao PSOE»
Porén, a repetición dos comicios si que entraña un risco que comprometería o actual statu quo. Cabe a posibilidade de que após o PSOE fracasar á hora de formar goberno, Podemos lograse finalmente adiantalo colocándose como segunda forza. Esa opción, nunha correlación parlamentar semellante á actual, reduciría a priori as opcións de goberno a dúas: PP ou Podemos. Unhas coordenadas moito máis volátiles e impredecíbeis. Para desgusto da Troika.