O pasado domingo o Consello Político da CUP decidiu, recollendo o sentir das bases nas súas asembleas territoriais e dos colectivos que se artellan na Crida Constituent, mantérense firmes na negativa a investir a Artur Mas como President. Así se resolvía o empate que unha semana antes deixaba sen decisión concreta a Asemblea Nacional Extraordinaria (ANE). Un empate, raro pero democrático, que se desfixo con máis debate e máis democracia, confirmando a solidez da cultura política cupeira.
Se a ANE fora precedida dunha enorme presión externa (á CUP e a Catalunya), esta semana foi infernal. Foron moitas as voces, algunhas delas seguramente ben intencionadas, que porén acabaron por amplificar a chantaxe de Junts pel Si (ou Mas President ou adeu procès), premendo o soberanismo anticapitalista para traizoar o compromiso político que reiteraron cada día da campaña electoral dos pasados comicios do 27S, e que sacrificasen a coherencia coas súas propias posicións en favor de satisfacer a exixencia de CDC (consentida até o momento coa anuencia de ERC).
«Malia o compromiso electoral de non apoiar a Mas, o debate no seo da propia CUP era lexítimo e necesario»
Malia ser un compromiso electoral claro e meridiano («non investiremos NUNCA a Mas») o debate no seo da propia CUP era lexítimo e necesario. De feito era inevitábel pois desde o propio 27S, cando os votos dos e das catalás privaron a JpS da maioría suficiente para investiren por si propios a Mas, a discusión xa se puña en marcha. Sería irresponsábel, e poría en perigo o propio proxecto CUP, ollaren para outro lado e resolver mecanicamente a cuestión. Optaron, con acerto por dar o debate ás claras, sen ambaxes, e con doses de democracia difíciles de igualar (a pesar de excesos democratistas como privar as deputadas e dirixentes de dereito a voto na ANE).
Debate complexo
Dixen hai días que o debate era moi complexo. Que a escolla era moi difícil de resolver. E que as posicións a prol ou en contra de apoiar a Mas, estaban sorprendentemente ben argumentadas e fundamentadas. Lonxe dos simplismos tautolóxicos que tanto abundan. Reitero, pois, que nin o «si» era unha traizón, nin o «non» unha derrapada ideoloxista e infantil. Mais o problema das escollas binarias é que só caben dous escenarios. Non caben opcións intermedias. Nin matices. Ou a CUP servían de apoio para manter a Artur Mas no Palau, ou servían para desaloxalo.
«O meu voto tería sido ‘non’, esta semana e tamén a anterior»
Desa complexidade dá boa conta o eco que ese debate tivo no noso país, singularmente no campo do nacionalismo/soberanismo. Así o visa que unha ou outra opción recollesen publicamente adhesións galegas de maneira transversal. Comunistas defendendo unha opción e comunistas defendendo a contraria. Reformistas/institucionalistas exixindo a investidura de Mas e reformistas/institucionalistas aplaudindo a negativa da CUP. Voces da «nova» e da «vella» política coincidindo nun ou noutro escenario. Os muros e fíos da redes sociais testemuñaron que a contradición a resolver atrevesou moitos limiares, ideolóxicos e tamén orgánicos e partidarios. Como xa dixen nelas, o meu voto tería sido «non», esta semana e tamén a anterior, a partir dunha análise que dalgunha maneira sinteticei neste artigo en Sermos Galiza.
Baños abandona
Antonio Baños, o independente que encabezou a candidatura da CUP por Barcelona o 27S e até hoxe Presidente do seu grupo parlamentar, renunciou ao seu escano apenas 48h despois da decisión das anticapitalistas. Alega non se ver capaz de defender unha posición na que non cre e asegura sentirse frustrado polo resultado.
É unha decisión coherente coa súa posición, mais abertamente inoportuna polo momento escollido deixando patente até que ponto en determinadas concepcións prima a concepción individual sobre a colectiva, a ollada biográfica sobre a histórica.
Culpa
A saída de Baños é o síntoma das cicatrices que todo debate profundo deixa. Pero sobre todo é un acto irresponsábel pois contribúe a reforzar a inxusta falsidade de que a culpa do impasse do procés soberanista é da CUP.
«A saída de Baños é, sobre todo, un acto irresponsábel»
A CUP non ten a culpa. Non é responsábel de JpS careza de escanos suficientes para reelixir a Mas, nin de que os seus fosen indispensábeis para asegurar unha maioría absoluta independentista (con menos do 50% dos votos). Tampouco do enroque de Mas de se negar a dar un paso atrás para permitir un cambio de liderado que reactivase o procés e (como xa defendín) o fixese virar á esquerda, rachando a súa actual formulación desclasada. Non é cousa da CUP que até hoxe ERC decidise axir de muleta de CDC, avalando de maneira cómplice a súa chantaxe á CUP e o enroque de Mas. Non é imputábel ao soberanismo anticapitalista que os resultados das eleccións xerais do 20D en Catalunya se saldasen cun evidente cambio na correlación de forzas, co desprazamento dunha importante faixa de votos non sobre o eixo nacional senón sobre o social/de clase (mesmo deixándose seducir polo proxecto de reforma de España que lidera Podemos).
Depende de ERC
A reacción de ERC, con Oriol Junqueras exixindo apurar até o último minuto para lograr un acordo que permita evitar a convocatoria de novas eleccións, ou as mensaxes dun referente de Esquerra tan relevante como Joan Tardà chamando expresamente a Mas a se retirar, demostran que a negativa da CUP só fechaba o camiño a Mas, mais non necesariamente ten que supoñer o final de vía do proceso. Iso xa non depende delas (se é que algunha vez o fixo en realidade), senón de JpS.
«ERC ten a posibilidade de dar un golpe de leme para impulsar o procés»
CDC optou por se acantonar arredor do seu líder que se afana en se manter no poder. Mais ERC ten, como explicou Anna Gabriel, ten a posibilidade de valerse da valente coherencia da CUP para dar un golpe de leme, que impulse a folla de rota cara a ruptura nun contexto que nada ten a ver co anterior aos comicios do 27S. No tellado de Junqueras está, pois, a pelota. O desenlace, depende agora del. Non da CUP.
One thought on “Con Baños ou sen el, a culpa non é da CUP”
Os comentarios están pechados.