Mario Draghi, Presidente do Banco Central Europeo –a póla financeira da Troika neoliberal- compareceu esta mañá perante o Parlamento español. Fíxoo a porta pechada. Sen acta e baixo unha desmesurada censura (inhibidores de sinal que bloquearon as comunicacións móbiles, impedindo a retransmisión da sesión tanto a deputadas/os como a xornalistas).
Foron apenas 20 minutos, que consistiron basicamente nunha reiteración dos xa coñecidos paradigmas neoliberais. Deito aquí as 8 ideas principais que tirei da súa pomposa e bastante aburrida intervención (en paréntese e cursiva formulo as miñas precisións a xeito de tradución do que en realidade significa o que dixo):
- A necesidade de que os parlamentos “nacionais” entendan a necesidade de se someteren aos intereses “comúns” da UE.
- Os axustes (contrareformas e paquetes de recortes) non están a producir aínda efectos (positivos) na vida cotía da xente pero chegarán. Paciencia.
- Defensa dos axustes como mecanismo para lograr un “funcionamento máis xusto da economía”.
- A receita chave: contención e redución de custes laborais, en base a unha maior competitividade (alargar a explotación laboral para lograr unha maior produtividade que permita unha maior apropiación de plusvalía polo Capital) e a moderación salarial (empobrecemento de salarios directos e indirectos).
- Defensa cerrada das políticas do BCE en materia monetaria e de crédito, que terían –segundo el—estimulado o financiamento de empresas e fogares (u-lo?). O BCE destinou nos momentos “álxidos” da crise até 1,2 billóns de euros en operacións de crédito para financiar as entidades bancarias, en aplicación do criterio de habilitar “un volume ilimitado de crédito aos bancos”.
- Sinalou como un factor moi positivo (para quen?) “ter eliminado dos balances da banca (privada) os activos tóxicos (resultantes das súas operacións especulativas)” así como a recapitalización das entidades financeiras a cargo de fondos públicos (socialización das perdas).
- A longo prazo as chaves serán afondar na unión monetaria e complementar esta coa unión fiscal, bancaria, económica e política (rumbo á UE como SuperEstado ao servizo da oligarquía transnacional). A respecto da unión económica salientou a importancia de mellorar a competitividade no mercado de “produtos e de traballo” (O mercado laboral único que preconizou Merkel?)
- A conclusión empatou coa tese de inicio, chamando aos consensos nacionais (isto é a acordos tipo PASOK-ND ou PPSOE) e a necesaria “interlocución” coas autoridades da UE.
Coñecido o argumentario e padecidas as receitas, fica algunha dúbida da necesidade imperiosa de abandonarmos a UE e o euro?