8.000 postos de traballo destruídos. 200 empresas desapareceron. Un dos tres estaleiros xa pechou e outro fica sen actividade. Eis o resultado do continuado abandono do sector naval por parte dos gobernos español e galego.
Esta situación ameaza un sector que representa o 30% da riqueza da comarca e que chegou a atinxir 30.000 empregos, directos e indirectos. Non é unha catástrofe natural ou inevitábel. Esta desfeita ten responsábeis políticos, PP e PSOE, polo seu reiterado desleixo político.
Acudimos pois a unha nova reconversión de feito que pode tronzar a industria, verdadeira columna vertebral da comarca. Cómpre premer desde a rúa, esixindo o compromiso efectivo da Xunta e do Goberno central. CIG, CCOO e UGT convocan para este domingo unha manifestación en Vigo con ese obxectivo.
Artigo publicado en 20 Minutos – Ed. Vigo (páx. 2) o 11/05/2012