Os Presupostos Xerais do Estado (PXE), resultado da maioría absoluta do PP, son un articulado de máis e máis recortes. Os primeiros orzamentos da era Rajoy fundaméntanse na bestial precarización de servizos públicos esenciais, como o ensinoou
a sanidade.
Son o densenvolvemento daquela reforma constitucional express aprobada, sen referendo, por PSOE e PP. Son a aplicación concreta do Pacto de Estabilidade do Euro, que malia parecer invisíbel publicamente é a raiceira de todas e cada unha das medidas antisociais acordadas polo goberno español. O actual e o anterior.
Ten razón o ministro Montoro cando fala dos presupostos da sinceridade. Nunca comahoxe se fixera tan evidente, até a obscenidade, que o goberno fica sometido aos ditados dos mercados. Gobernan contra o pobo en beneficio da oligarquía financeira centroeuropea. De aí que a prioridade orzamentaria non sexa asegurar os servizos e prestacións públicas. O primeiro para o que utilizarán o diñeiro de todas e todos, recadado en forma de impostos dos que só as grandes fortunas se escaquean, será pagar a débeda externa. Isto é, pagar os créditos –cos seus lucrativos xuros– á banca privada que financia a débeda pública logo de ser rescatada ¡oh paradoxo! con cartos públicos.
Non deixan de nos dar novas razóns e argumentos para a mobilización social. O 1 de maio temos unha nova oportunidade de expresar o noso rexeitamento a estas medidas que insisten en empobrecer á maioría para aseguraren os gaños duns poucos.
Artigo publicado en De Luns a Venres (Páx. 8) o 26/04/2012