Onte este blogue fixo sete anos do seu lanzamento. Case seis leva instalado nesta agarimosa hospedería que chamamos Blogaliza, e da que xente como Pedro Silva son xenerosas/os responsábeis. Se a bitácora non se emancipou a un aloxamento de seu foi por mor da resistencia a perder a confortábel calor da principal casa común do blogomillo galego, inda que si conta con dominio propio (www.contradiscurso.net).
Con esta son xa 557 as entradas publicadas desde o 27 de febreiro de 2005, entre as que se recolle a práctica totalidade dos artigos e columnas da miña autoría publicados desde 2003 até hoxe -agás algúns dos primeiros-, que superan os 250 textos.
A finalidade coa que naceu este espazo fica hoxe máis vixente que nunca. Precisamente, cando se agudizan as contradicións do capitalismo en plena crise sistémica, coa conseguinte radicalización da loita de clases, é imprescindíbel combater o monopolio do discurso pola clase dominante. É pois, máis necesario que nunca artellarmos colectivamente un contradiscurso emancipador fronte ao uniformador e alienante pensamento único sobre o que se construíu a globalización neoliberal que hoxe colapsa. Un contradiscurso que parta da realidade concreta ao global, da nación ao mundo en chave patriótica e internacionalista, e xa que logo, anti-imperialista.
E todo, porque se algo confirma o presente marco histórico -de obxectivo cambio de ciclo- é a relevancia do problema da conciencia como cuestión chave para a ineludíbel tarefa histórica da toma do poder político polo pobo, isto é polas clases populares coa traballadora á cabeza. Nese senso, a aspiración deste pequeno recuncho é apenas a de contribuír humildemente a aguilloar o pensamento crítico e alargar a toma de conciencia nacional e de clase do noso pobo. De axudar a difundir que hai esperanza, a da transformación radical (revolucionaria) da realidade presente, e que a súa dificultade como tarefa non lle resta ápice de necesidade.
Non son tempos para a condescendencia, a conciliación ou a xestión do cada vez máis raquítico campo do ‘posíbel’. Son tempos para a confrontación entre a maioría social explotada e a minoría explotadora. Tempos que anovan a necesidade de manter a dimensión deste blogue como comprometida palestra de activismo político. Eis o propósito co que enceta o Ano VIII de Contradiscurso.
Máis unha vez, moito obrigado por estardes do outro lado da pantalla (inda que o fagades en maior silencio do desexado).