É certo, falta auga. A seca deste ano, cun verán que semella non rematar nunca –resultado da desfeita climática–, coloca os embalses dos que bebe Vigo en niveis moi preocupantes. É mesmo probable que de non mediar suficientes precipitacións nas próximas semanas poidamos correr o risco de cortes e restricións na subministración.
Porén, o que máis está a escasear é a racionalidade por parte do goberno municipal. É completamente irracional que fronte a esta situación se continúen a baldear con milleiros de litros de auga potable ás rúas. É irracional que se mantiveran conectadas ata hai nada fontes ornamentais que non teñen circuíto pechado, que beben da traída. É irracional que non se force a Aqualia a actuar de xeito decidido contra as fugas na rede nas que se perden cantidadesinxentes de auga.
Mais tamén é absolutamente irracional que sen ter acometido as medidas necesarias para instalar unha nova cultura da auga no Concello, Abel Caballero propoña á primeira de cambio un transvasamento desde o río Verdugo. No canto de apostar pola racionalización do consumo, tanto doméstico, como industrial, como municipal, o alcalde opta por novas infraestruturas de captación.
Esa non é a solución, apenas sería un pésimo parche temporal e ambientalmente insostible, xa que non enfronta de xeito integral o problema.
Artigo publicado en De Luns a Venres (páx. 4) o 11/10/2011.