O peche da edición impresa do Xornal de Galicia, acrecenta o drama dos media galegos trala desaparición de A Nosa Terra, A Peneira, Vieiros, GZ Nación ou máis recentemente Galicia Hoxe. É una pésima noticia para o noso país, que ve inda máis precarizada a súa exigua pluralidade informativa e limitadas as perspectivas de análise da nosa realidade.
Teño o gusto de ser colaborador de Xornal desde 2004, cando só era dixital, e de ter sido columnista do mesmo desde o nacemento da súa edición impresa. Dixen, e sosteño, que fico orgulloso e agradecido desa colaboración, que me permitiu aproximarme un chisco a esa espléndida equipa de profesionais que o facían realidade cada día. A excepcional Silvia Carregal, a sempre agarimosa Noela Rey ou a rigorosa Lara Graña, por citar apenas algunhas das persoas que tiven oportunidade de coñecer e tratar, foron e son unha excelente representación dese plantel de 70 profesionais e o seu bo facer xornalístico, valente e comprometido.
Mais refuguemos de calquera indicio de resignación ou flaxelo. Pois se algo amosa esta continuada sangría é a necesidade de anovar e acrecentar o noso compromiso cun espazo comunicativo de noso. Dotármonos duns media propios é unha necesidade ineludíbel.