A suspensión de pagos de Barreras pon en evidencia a dramática situación que atravesa un sector produtivo fundamental non só para Vigo e a súa contorna, senón mesmo para o conxunto do noso país. A construción naval, outrora un dos motores económicos da exigua industria galega, corre o risco real de afundir de xeito definitivo, condenando ao desemprego ás máis de 18.000 traballadoras e traballadores que emprega directa e indirectamente.
O último golpe veu da man da arbitraria e inxusta decisión da UE de suspender o mecanismo de contratación Tax Lease, malia consentir que sistemas semellantes se sigan a aplicar noutras latitudes da propia Unión. Máis unha evidencia de que no deseño da Europa do Capital o noso país fica condenado a ser periferia dependente, consumidora e non produtora.
O vindeiro xoves 21 está convocada unha grande manifestación en Vigo, impulsada polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, para demandar solucións que garantan a viabilidade presente e futura dun sector produtivo estratéxico e fundamental.
Mais esa reivindicación leva implícita outra non menos importante: a necesidade vital de pular polo desenvolvemento pleno das potencialidades industriais de Galiza.
Artigo publicado en Xornal de Galicia o 16/07/2011.