Denunciouno Carlos Callón no seu blogue. A Delegación da Xunta de Galiza en Madrid non atende no noso idioma, malia que lle sexa pedido pola persoa atendida. Hai uns minutos chamei persoalmente ao ao 91 595 42 00 e puiden comprobar que efectivamente non se ofrece atención no noso idioma. Ao requerirlla a quen me atendía, desculpouse -de xeito amábel e educado- afirmando que non sabía falar galego e que non era funcionario. Ese argumento non é escusa xa que legalmente, en base á Lei de Transparencia, por traballar nunha dependencia da administración autonómica galega están obrigadas/os a nos atender na nosa lingua.
Recollendo a luva que me tirou @outeiro no Twitter, propóñovos unha acción reivindicativa, consistente en que todas e todos remitamos un correo electrónico de protesta ao Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, por ser titular do departamento ao que está adscrita a Casa de Galiza en Madrid.
A seguir deito un texto tipo que remitir:
Destinatario: conselleirodepresidencia@xunta.es
Asunto: Pola atención en galego na Casa de Galiza en MadridPrezado Sr. Conselleiro de Presidencia,
Como galega/o diríxome a vosté tras comprobar que na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid non se dispensa atención ao público no idioma propio do noso país, o galego, inda que esta sexa solicitado de xeito expreso por parte da persoa atendida, como eu puiden acreditar persoalmente.
Este grave feito vulnera o marco normativo e legal vixente, nomeadamente á Lei de Transparencia, e supón máis unha nova agresión contra da nosa lingua.
È por iso que lle esixo, que en atención ás súas responsabilidades como máximo responsábel da área do Goberno Galego á que fica adscrita a devandita delegación, proceda de inmediato a tomar as medidas que sexan precisas para poñer unha solución definitiva a esta grave situación, e posibilitar que tamén alén do territorio da Comunidade Autónoma a Xunta atenda na lingua propia de Galiza.
Un saúdo.