O Presidente de ONO, Jose María Castellano, quen fora home forte do emporio empresarial Inditex, será quen dirixa os designios de Novacaixagalicia, iso si, mutada a banco e prescindindo, xa que logo, do seu carácter semipúblico.
Iníciase así, con esta lamentábel decisión do Consello de Administración, o que está chamado a ser o derradeiro capítulo da historia da liquidación das caixas de aforro galegas. Tal e como se advertira, toda a operación iniciada ao abeiro do FROB e posteriormente debuxada pola Lorca, só tiña por obxecto entregar o aforro das e dos galegos ao capital privado foráneo. Nada ten a ver a solvencia, nin o core capital. É só unha xogada no marco dunha crecente recentralización política e económica do Estado, máis unha vez, ao servizo dos intereses da oligarquía financeira.
Agrava esta situación a deliberada inacción da Xunta de Feijóo, entregada ao puro sucursalismo dos intereses do Partido Popular a nivel de Estado. A súa actuación en relación a un asunto capital en chave de país evidencia a súa completa inutilidade e incompetencia.
Foi unicamente o nacionalismo galego quen liderou a defensa da única entidade bancaria semipública coa que contaba o noso país.
Artigo publicado en Xornal de Galicia o 18/06/2011.