A resistencia electoral da coalición CDU, amosa a fortaleza social das e dos comunistas portugueses
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/fcG06R0hVHk" width="645" height="300" wmode="transparent" /]
As eleccións portuguesas non ofrecen un resultado positivo, xa que a dereita ultraliberal representada polo PSD e mailo CDS-PP faranse coas rendas do goberno, nunha república presidida polo conservador Cavaco Silva. O certo é que asistimos a unha mera alternancia, sen que represente ningún cambio substancial, posto que o executivo do social-liberal PS de Sócrates partillaba xunto ao PSD o programa de reformas antisociais que a troika neoliberal -isto é o Banco Central Europeo, a Comisión Europea e o Fondo Momentario Internacional- vén de impoñer mediante un interesado rescate forzoso. Rescate nunha economía paradoxalmente menos endebedada que a española, e que se suma ao xa realizado en Grecia.
A abstención de máis do 40%, unha das marcas máis altas na historia da democracia portuguesa, certifica a desafección social perante un escenario político controlado de facto polas clases dominantes e a oligarquía financeira. O rescate forzoso do país veciño ten sido apenas un novo golpe de estado do Capital, unha nova evidencia de quen manda en realidade.
Mais neste resultado hai algúns matices positivos. A resistencia electoral da coalición CDU (Partido Comunista Portugués + Os Verdes), amosa a fortaleza social das e dos comunistas portugueses, que teñen exercido unha coherente e firme oposición contra das políticas neoliberais imperantes. En troques o errático Bloco de Esquerdas desínchase, estourando a burbulla electoralista na que medrara ao abeiro do interese dominante por debilitar a opción comunista. Constátase en Portugal máis unha vez que as forzas políticas que operan cun perfil nítido e claro, desde a coherencia e o compromiso ideolóxico, refugando toda caste de oportunismos, rematan acadando xa non só o respecto senón mesmo o apoio electoral do pobo.
O Partido Comunista Portugués, cun irreprochábel historial de entrega e compromiso patriótico e co pobo traballador portugués, ten sido golpeado con crueza pola dereita (desde o PS até o CDS-PP) e tamén pola esquerda (polo BE e sectores minoritarios), acusándoo de manter unha ortodoxia caduca ao resistir as tentacións liquidacionistas que provocou a queda do campo socialista.
Mais os resultados do domingo, que colocan o PCP como a única forza de signo progresista que non retrocede e que aumenta a súa representación (1 deputado máis), demostran que o camiño do compromiso coherente é o único vieiro.
Artigo publicado en Galicia Hoxe o 07/06/2010.