A nivel discursivo volvemos escoitar o mellor BNG de sempre, sen imposturas, sen grandilocuencias, sen xestos baleiros.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/jtP92RqOzM0" width="520" height="320" wmode="transparent" /]
O BNG acaba de saír da Convención Nacional Electoral, que realizou a fin de semana pasada en Compostela baixo o lema Coa túa forza hai futuro, amosando músculo. A fronte patriótica despexou, nun ateigado e vibrante auditorio do Pazo de Congresos, calquera dúbida a respecto da súa fortaleza.
Baixo unha escenificación austera, máis inzada de logotipos do BNG e de bandeiras da patria, o Bloque deixou patente que a diferenza doutras opcións vaise presentar aos vindeiros comicios municipais sen subterfuxios, sen agochar os seus sinais de identidade, sen disimular o que o define como un proxecto político nacionalista e netamente de esquerdas.
Até dezaseis intervencións escoitáronse nun acto emocionante que deixou patente que o nacionalismo galego é hoxe unha opción política chea de enerxía; que o BNG é hoxe un bloque máis compacto e unificado arredor dun proxecto transformador, emancipador, ao servizo do país e da súa maioría social. A nivel discursivo volvemos escoitar o mellor BNG de sempre, sen imposturas, sen grandilocuencias, sen xestos baleiros. Unicamente compromiso ideolóxico e solvencia política.
“Nós eliximos estar do lado da xente e dos seus problemas, os problemas das persoas son os nosos. Da defensa de Botín e das grandes corporacións xa se encargan o PSOE e o PP”, clamou Guillerme Vázquez nun intre da súa intervención, interrompida por constantes ovacións por un público que o recibiu e o despediu en pé. Fronte á falsa alternancia bipartidista, o nacionalismo galego vén deixando patente o seu firme compromiso coas clases populares do noso país, como demostrou coa súa activa implicación nas folgas xerais do 29-S e do 27-X contra da política antisocial do PSOE.
Un discurso claro, directo, intenso, estimulante e fresco que está a provocar unha crecente simpatía social e que tamén despexa al- gunhas falsas incógnitas internas; quen cuestiona a fortaleza do liderado de Guillerme Vázquez como Portavoz Nacional é que descoñece a solidez do seu discurso. O que alí se escoitou foi mostra de que a verdadeira modernidade é a que xorde da coherencia, da firmeza nas conviccións e do compromiso.
O optimismo que reflectían as facianas dos centos de participantes á saída do acto certifica que o Bloque está en inmellorábeis condicións para, a partir do 22 de maio, facer dos concellos verdadeiros parapetos sociais contra das políticas regresivas do PP e do PSOE.
___
Artigo publicado en Galicia Hoxe o 29/03/2011.