Sempre se dixo que un dos aspectos que explican a irracionalidade pronuclear era a desmemoria.
Disque en xaponés crise e oportunidade son unha mesma palabra. Xapón, terceira potencia mundial, acaba de encetar unha crise nuclear de imprevisíbeis consecuencias que se ha de sumar aos efectos da crise sistémica do capitalismo que xa estaba a padecer.
O terremoto, o seu maremoto subseguinte e as sucesivas réplicas que fan tremer o país, alén dun importante número de vítimas -inda pendentes dunha cuantificación complexa- provocou que se declarase o estado de alerta nuclear, xa que un dos países mellor equipados e organizados do mundo contra dos envites sísmicos, tivo que desaloxar preto de 600.000 persoas moitas delas a resultado dunha serie de accidentes e incidentes nalgunhas das máis importantes instalacións atómicas do país.
A moratoria sobre a ampliación da vida útil das centrais alemás que acaba de ditar a chanceler Merkel, dá boa conta de cómo esta situación catastrófica volveu poñer no centro do debate a seguranza da enerxía nuclear. Sempre se dixo que un dos aspectos que explican a irracionalidade pronuclear era a desmemoria. Chernobyl quedara atrás e co paso da historia sería imputado ás insuficiencias da URSS. O nivel de tecnificación e organicidade da rede nuclear nipona desmitifica hoxe aquel vello infundio.
A enerxía nuclear non é segura, e a súa inseguridade inda sendo pouco probábel cando se accidenta pode provocar gravísimos efectos sobre a vida e saúde de inxentes cantidades de seres humanos. Non só sobre os que viven ao seu redor, pois xa sabemos que as nubes pouco entenden de fronteiras políticas; tampouco as radioactivas.
Se a dramática crise que está a padecer o pobo xaponés ha de provocar algún espazo de oportunidade, que este sexa o de abrir dunha vez por todas un debate profundo e completo a respecto non só da enerxía nuclear senón do modelo enerxético. Un debate franco no que os argumentos e as evidencias despracen os mitos oportunistas que sustentan o argumentario pronuclear.
Mitos como que é a enerxía máis barata; falsidade facilmente demontábel se incluímos na conta os custos de instalación e as externalidades negativas presentes e futuras das centrais. Mitos como que se trata dunha enerxía limpa, cando inda non sabemos que facer cos hipertóxicos residuos que xera. Mitos que a definen como unha enerxía nacional, cando o Estado español importa o uranio que consome.
Quen sabe, se cadra ficamos perante un maremoto clarificador.
___
Artigo publicado en Galicia Hoxe o15/03/2011.