A non legalización de Sortu evidenciaría que o problema non é a violencia, senón a deliberada exclusión dun proxecto político.
Conversaba hai meses cun coñecido meu respecto do conflito político en Euskadi. Cando eu lle manifestaba a miña completa oposición á antidemocrática Lei de partidos, el retrucaba sereno esgrimindo o argumentario que reproducen os media españois. “¡É sinxelo: que condenen a violencia!”, exclamaba. Eu respostáballe que inda compartindo con el a necesidade de que a esquerda abertzale apostase decidida e unicamente pola vía política, iso non ía bastar a quen a esixe cando se producise. Sorriu con escepticismo, xa que lle parecía imposíbel que o abertzalismo acabase dando ese paso decisivo.
Díxenlle que non bastaría cumprir con ese requirimento e cos demais recollidos no articulado da infame Lei de partidos. Non ía bastar, pois a cada requisito cumprido, a cada proba superada, iríanse engadindo máis e máis, coa pretensión de facer esmorecer por esgotamento a vontade democrática de soster ese proxecto político desde as institucións. Porque o conflito vasco non ten a ver unicamente coa violencia.
O día da presentación de Sortu escoitei unha entrevista tremendamente reveladora. O entrevistado era Rufi Etxeberría, un dos portavoces da nova forza política, e o entrevistador Carles Francino. E digo que foi reveladora, e se se quer tremendamente definitoria do que está a suceder, porque despois de que Etxeberría reiterase, coido que por cuarta vez nesa entrevista, o expreso rexeitamento e condena de toda forma de violencia -incluída explicitamente a de ETA- e a firme aposta da esquerda abertzale pola apertura dunha nova etapa de diálogo e paz, Francino reprocháballe que malia iso seguisen a defender o mesmo proxecto político de sempre: a procura da independencia para Euskal Herria a través da autodeterminación. “Seguen a dicir e a defender exactamente o mesmo”, acusou o entrevistador, evidenciando que tras de quen defende a non legalización de Sortu, e a exclusión antidemocrática de milleiros de vascas e vascos das institucións de Euskadi e Nafarroa, non só hai un exceso de celo contra da violencia, senón fundamentalmente censura política contra dun proxecto e dunha ideoloxía.
Con todo, o que está agora en cuestión é a feble democracia formal española, pois a non legalización de Sortu evidenciaría que o problema non é a violencia, senón a deliberada exclusión dun proxecto político. Pois, no resultado deste proceso o que quedará retratado será o réxime político español.
___
Artigo publicado en Galicia Hoxe o 15/02/2011.