Liu Xiaobo foi merecedor do Premio Nóbel da Paz pola súa coincidencia cos posicionamentos do Imperialismo.
Presentado como un activista en defensa dos dereitos humanos, como un dos principais loitadores polos valores democráticos (da democracia formal do occidente capitalista), Liu Xiaobo foi a persoa escollida polo selecto Comité Nóbel para que sucedera ao pacifista Barack Obama (Presidente dos pacíficos EUA)como Premio Nóbel da Paz deste ano.
Do mesmo xeito que os mass media, literalmente ao servizo dos seus amos, converteron a un preso común, Orlando Zapata, nun mártir heroico que resistía contra da “criminosa e cruel” Cuba socialista, hoxe relevado polo televisivo Guillermo Fariñas (terceiro cubano contrarevolucionario que recibe o Premio Sajarov do Parlamento Europeo nos últimos oito anos), Liu Xiaobo foi entronizado mediáticamente como unha vítima inocente e “inxusta da totalitaria” República Popular da China.
É evidente, que a orientación da asignación destes pomposos premios e recoñecementos internacionais non é allea á batalla ideolóxica que se sigue a librar no noso planeta. Cada cerimonia é difundida masivamente para amplificar e multiplicar os seus efectos propagandísticos, de propaganda obxectivamente anticomunista. Non só o digo eu, o delatan co seu aplauso organizacións tan “democráticas” como a Convención Internacional Anticomunista, nun comunicado no que afirma: “O último Premio Nóbel da Paz outorgado un anticomunista constitúe, por estas razón, un premio a todos os anticomunistas cubanos, norcoreanos e do resto do mundo. Así o recibimos tamén nós”.
Mais hai un interrogante que pode botar abaixo o pano do teatro reaccionario montado arredor do último Premio Nóbel da Paz: Quen é, e que pensa realmente, Liu Xiaobo?
O filósofo Tariq Ali (colaborador de medios como The Guardian) publicou recentemente en CounterPunch (traducido ao español por Rebelión, e do que tiven coñecemento grazas ao amigo Antón Dobao) un breve perfil do novo Premio Nóbel, no que desvelaba algunhas das afirmacións públicas feitas por Liu Xiaobo e que retratan o seu pensamento, e explican a motivación dese premio:
- A traxedia de China foi que unha potencia occidental ou Xapón non a colonizaran fai polo menos 300 anos. Isto ao parecer a tería convertido civilizada para sempre.
- As guerras de Correa e Vietnam que os EUA emprenderon eran guerras contra o totalitarismo e serviron para afianzar a “credibilidade moral” de Washington.
- Bush tivo razón ao ir á guerra contra do Iraq e as críticas do Senador Kerry foron pura difamación.
- ¿Afganistán? Sen sorpresas: apoio total á guerra da OTAN.
Non extraña polo tanto que o xurista noruegués Fredrik Heffermehl cualifique de “premio ilexítimo concedido por un comité ilexítimo” o galardón a Liu Xiaobo, e por outra banda deixa en evidencia que a ausencia de Rusia, Cuba, Venezuela, Colombia, Marrocos, Exipto, Túnez, Sudán, Serbia, Filipinas, Iraq, Irán, Vietnam, Paquistán, Afganistán, Kazaxistán, Arabia Saudita e Ucraína, ademais da propia República Popular China no acto de entrega do premio estaba completamente fundamentada.
Máis unha vez é necesario superar a barreira do aparente, para ver o que se agocha tras dela.
One thought on “Premio Nóbel ao anticomunismo, máis unha vez.”
Os comentarios están pechados.