Cando ficamos ás portas dos 250.000 desempregados/as reais, e cando se están a facer máis visíbeis os graves efectos e consecuencias que a vixente crise sistémica do capitalismo está a ter contra das clases populares, o social-liberalismo representado polo PSOE volve teimar en formulacións moi próximas á doutrina neoliberal que provocou a crise. A proposta de reforma laboral do goberno central, é unha demostración tanxíbel e obxectivábel do aliñamento do PSOE cos intereses da grande patronal.
A devandita proposta, polo momento esbozada, recolle as receitas que de sempre defendeu o capital español: abaratar, inda máis, o despedimento baixo a cínica xustificación de que é necesario para propiciar a contratación, precarizar as condicións laborais, e reducir sistematicamente os dereitos sociolaborais conquistados a través da loita e mobilización da clase traballadora. Fica claro pois, que o poder central-español aposta, como non podía ser doutro xeito, por unha saída antisocial da crise, que terá que superarse transferindo os seus custos ás maiorías sociais. Súmase ademais á ameaza dunha reforma laboral regresiva, a probábel precarización do sistema público de pensións, co atraso na súa idade de percepción e con modificacións no seu cálculo en prexuízo das e dos traballadores.
En síntese, mentres o empresariado sacode a crise de enriba mediante despedimentos masivos, con incumprimentos reiterados de convenio baixo ameaza de EREs ou mediante unha agudizada represión antisindical, o goberno do Estado acaba de pregarse novamente aos intereses das clases dominantes, contra dos da maioría social.
En Galiza o goberno do PP nada ten feito para actuar perante a grave situación sociolaboral pola que atravesa o noso país, que por vez primeira supera o ritmo de destrución de emprego do promedio estatal. O executivo de Núñez Feijóo, claramente pro-patronal, nada ten feito en beneficio das e dos traballadores galegos. Ao contrario, ten propiciado coa súa complicidade a sangría de despedimentos mediante a aprobación deliberada de Expedientes de Regulación de Emprego inxustificados. Perante este panorama é unicamente o nacionalismo galego, no eido político e sindical, quen defende -como opción de esquerdas- unha saída social da crise. Pois só o BNG e a CIG, con senllos paquetes de propostas concretas, están a pular por medidas na dirección contraria das do social-liberalismo gobernante, en claro contraste ademais co entreguismo do sindicalismo pactista das centrais estatais. Unha evidencia máis de que si existe unha alternativa real.
___
Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 30/04/2010.