A proximidade do inicio do curso político volveu poñer en primeira plana a posíbel reforma do Estatuto de Autonomía do noso país.
O Partido Popular xa se apresurou por boca de Mariano Rajoy (utilizando de xeito partidista a Radio Galega) a tentar botar terra sobre o debate, a golpe da afirmación demagóxica e desnortada de que a reforma estatutaria non é unha prioridade. Feijóo, obediente coma sempre ás instrucións da súa matriz española, fixo o propio dicindo que compre agardar á resolución xudicial do Estatut catalán, e adiantando a súa oposición frontal a que no hipotético novo estatuto se recolla o carácter nacional de Galiza. Nada sorpresivo, pois.
Ao fío do termo nación, sacou tamén a cabeza recentemente o PSOE, afirmando que de ser aceptado este polo Tribunal Constitucional español en relación ao Estatut, estarían dispostos a que fose incluído no novo estatuto galego. Iso sí, esta declaración faise semanas despois do ofrecemento de Pachi Vázquez a negocialo co Partido Popular, deixando de lado ao que foi o seu socio no bipartito e co que goberna en numerosos concellos.
Está claro que por mor da aritmética parlamentar, e da coincidente dependecia e sumisión do PSdGa e do PPdGa a Ferraz e Génova respectivamente, podería parecer a primeira vista que a pata máis curta neste debate é o Bloque Nacionalista Galego, xa que unha reforma esixiría de 2/3 do actual Parlamento Galego, o que fai indispensábel o apoio dunha parte ou de todo o grupo parlamentar do PP. Porén, o debate estatutario foi unha iniciativa do BNG, que dende hai varios anos ven reivindicando un Estatuto de Nación, que partindo do recoñecemento de Galiza como tal afonde no autogoberno e amplíe substancialmente o marco competencial exclusivo.
Se ben é certo que o propio marco autonómico, por definición e polo seu deseño, é absolutamente raquítico e insuficiente para quen defendemos o dereito da nación galega, a decidir libremente o seu futuro a través do exercicio do dereito de autodeterminación, o certo é que as posibilidades que ten un estatuto de máximos, explican que sexa precisamente o nacionalismo galego quen impulse socialmente este debate.
Cun PSOE que apenas emprega o galeguismo como slogan-cobertura do seu sometemento ao xogo político español, e cun Partido Popular que se presenta como paradigma antigalego do españolismo máis rancio, o resultado máis probábel é que o pésimo estatuto de 1981 quede finalmente tal e como está. Peor sería, iso sí, unha reforma estética pactada entre PSOE e PP.
Neste escenario, partindo de que nesta altura a reforma do estatuto pode ter un carácter mesmo estratéxico para o proceso de liberación nacional do noso país, e que a crise sistémica está a poñer en evidencia a falta de instrumentos e capacidades coas que enfrontala dende Galiza, a prioridade debe ser acadar que este debate teña unha amplísima dimensión social. Pois independentemente do resultado, de seguro que o debate en si ofreceranos a posibilidade de ampliar e estender a conciencia nacional, clarificar socialmente conceptos fundamentais, expor con claridade as liñas básicas do proxecto estratéxico de país que ten o movemento nacionalista galego, e por suposto acrecenter o apoio social a este.
Esa tarefa non é exclusiva do BNG, como referencia político-partidaria, senón do conxunto das organizacións do nacionalismo galego. De non enfrontarmos este debate dese xeito, correremos o risco de caermos na trampa dun PSOE inconsistente e dun PP que ten nulo interese en ampliar o máis mínimo o actual e limitante marco autonómico, que non esquezamos, nos nega como nación.
Polo tanto, a cuestión dun novo estatuto non debemos enfrontala dende a expectativa dun resultado, a sabendas de cal é a actual correlación de forzas, senón como un proceso político que se albisca como unha excelente oportunidade para crear conciencia, ingrediente indispensábel para conquistarmos a nosa plena soberanía.
___
Artigo publicado en GZ Nación o 28-08-2009.