O Día da Galiza Mártir é unha data senlleira, por servir de lembranza e público recoñecemento a insignes compatriotas que deron a súa vida polo seu pobo e polas liberdades máis esenciais. Alexandre Bóveda é, con toda certeza, unha das figuras centrais da nosa historia, polo seu importante axer na autoorganización política do pobo galego -que só se pode construír a partir da consciencia e o autorrecoñecemento de sermos nación- e tamén na análise científica da forzada e imposta dependencia económica á que o estado español condenaba -e segue a condenar- o noso país.
De absoluta actualidade e de obrigada mención están os seus traballos respecto das balanzas fiscais e da necesidade dunha facenda propia, nos que desenmascaraba a falacia infame de que somos un territorio probe e incapaz de valerse por si mesmo. Mito este último que resucitou indignamente Núñez Feijóo a conto da negociación do novo financiamento autonómico. En todo caso, estabamos e seguimos a achegar máis do que recibimos do presuntamente solidario e cohesionado Estado español.
A anestesia que teimudamente está a intentar inocular o españolismo, debe ser contrastada con exercicios de memoria que a esta altura se demostran ineludíbeis. Hoxe, cando un dos principais alicerces da nosa identidade colectiva, como é o noso idioma, se ve atacado impunemente por parte das novas marcas do imperialismo español de sempre, empaparnos en figuras como as de Bóveda, Castelao, Rosalía, ou Moncho Reboiras, é o mellor antídoto contra deste novo racismo lingüístico dos que se proclaman cinicamente bilingües.
Invocando e honrando a Bóveda estamos a dignificar o inxente axer militante, de compromiso co país e as súas clases populares, que ao longo da nosa historia protagonizaron milleiros de patriotas anónimos e anónimas. As e os mesmos cuxo traballo foi o antecedente necesario ao nacemento da fronte patriótica e de esquerdas que é o BNG, a constitución da central sindical nacionalista, CIG, e o agromar de infinidade de organizacións e movementos, que son os únicos instrumentos de autodefensa cos que contamos.
Toda homenaxe é pouca cando esta serve para relembrarnos cuestións capitais, coma as que se extraen do pensamento e das accións de persoeiros coma Bóveda. Poderán atreverse a prostituír as súas figuras, pero o seu exemplo é patrimonio do pobo galego, e segue a ter activos e actuantes depositarios.
___
Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 18-08-2009.
Sin conocer demasiado el tema (no soy gallego), cuando leo que determinadas personas del ámbito de la derecha defienden que son bilinguistas, recuerdo cuando gente como la ministra Tocino se rasgaba las vestiduras por el ecologismo, y ahora su expresidente duda sobre el cambio climático. Sirva la analogía para ilustrar lo que pienso sobre este particular.
GústameGústame