20.000 persoas ateigaron as rúas de Compostela para celebrar o Día da Patria Galega, participando da manifestación convocada polo BNG. A mobilización resultou nunha inxente demostración de enerxía e forza, para facer fronte ás políticas reaccionarias do PP, deixando patente que pese aos recentes retrocesos electorais o nacionalismo galego non está, nin moito menos, derrotado.
O elemento central da xornada foi a intervención de Guillerme Vázquez, que se estreaba arengando na Praza da Quintana. Foi un discurso preciso, sen excesos nin poses, cunha linguaxe clara -chamando ás cousas polo seu nome- e a contundencia de quen expresa conviccións. Nel o portavoz nacional do BNG evidenciou como partes dun todo indisolúbel a defensa dos dereitos nacionais do noso país e a reivindicación dunha nova orde socioeconómica ao servizo da maioría social, facendo de ambos elementos os eixos sobre os que pivotou a súa intervención.
Non foi un discurso máis. Foi unha demostración palpábel da fortaleza coa que o BNG, como proxecto nacionalista e de esquerdas, está a reaxer.
___
Artigo publicado en Xornal.com o 27-07-2009.