De vello sábese que a dereita, sobre todo a máis reaccionaria, quen ten demostrada a súa absoluta carencia de compromiso ético na súa praxe política, é o segmento máis interesado en converter en dogma a falacia de que en política todos os comportamentos son iguais, que todas as opcións son iguais, que non hai espazo para a honestidade, e que a corrupción é un fenómeno que nos seus diferentes graos afecta de xeito transversal a todas as forzas sen excepcións. Trátase de equiparar á baixa, para dese xeito afogar por homologación ás alternativas transformadoras, por non dicir revolucionarias, que as hai. Esa desvalorización da política é espallada con intensidade polas clases dominantes a través dos seus medios de comunicación, e conforma un dos elementos máis perigosos do globalizador e uniformizante pensamento único, polo que ten de desmobilizador.
As medias verdades son máis difíciles de combater e rebater que as completas falsidades. De aí que o discurso sistémico opte polas primeiras, para confundir e alienar á sociedade. Claro que hai organizacións políticas nas que se consente, permite e mesmo se aplaude internamente a deshonestidade, cando non a corrupción; ver como nin a golpe de imputación xudicial o Partido Popular é capaz de destituír ao seu tesoureiro nacional é un bo exemplo disto. É evidente ademais que a política, destacadamente no ámbito institucional, tense degradado até niveis alarmantes, demostrándose máis como un lamentábel teatro de comedia que como un ámbito de debate e decisión sobre cuestións cruciais.
A pretensión de importar ao noso país as prácticas noxentas do xogo político do todo-vale non é nova. Porén, dende a volta ao goberno galego do Partido Popular, estamos a ver como esta se intensifica até límites insospeitados, e como para esa finalidade non dubidan en empregar de xeito indigno mesmo a tribuna do Parlamento de Galiza, ou calquera medio ao seu dispor. O sitio web institucional do goberno galego converteuse nunha ferramenta máis nesa estratexia, e no canto de ser un dos medios de comunicación e difusión pública das medidas e decisión gobernamentais, é utilizado como un altofalante máis para a política de oposición á oposición que practica o Partido Popular.
Nese contexto encádranse as difamacións e falsidades presentadas como acusacións, lanzadas polo PP contra do BNG a respecto de supostos contratos irregulares, e mesmo dun presunto e inexistente financiamento irregular do Bloque. A veracidade dos feitos queda constatada ao comprobar como o PP rexeita o convite feito polo Bloque de acudir inmediatamente aos tribunais de xustiza, e como mesmo se atreve de xeito infame a chantaxear ás forzas da oposición ofrecendo, por boca do conselleiro de Presidencia, unha caste de pacto de silencio, consistente en que a oposición non exerza de tal a cambio de que o goberno galego deixe de facer públicos escándalos inventados.
Non deixa de ser decepcionante nese senso ver como dende algúns segmentos se dá crédito absolutamente acrítico a este lixo. Mesmo algún coñecido intelectual con vocación intermitente de benególogo –termo que serve para definir este fenómeno incipiente de opinadores, que dende as súas columnas pretenden ditar como debe ser o BNG- obviaba nas páxinas de El País, xa non a prerrogativa de confianza que ao meu ver merece a traxectoria dunha forza política que ten demostrado na súa praxe un inquebrantábel compromiso ético, absoluta honestidade e honradez, senón mesmo a máis esencial presunción de inocencia, prestándose gustosamente de amplificador da contrapolítica. Todo sexa por bater contra o BNG, e se ademais os medios sinalan a membros da UPG inda mellor.
É indignante e inadmisíbel comprobar cada día como a maioría absoluta do Partido Popular é incapaz de comezar a gobernar o país, demostrando máis unha vez que carecen de proxecto político para Galiza, e apenas se dedica a fabricar con medias verdades ou completas mentiras infamias coas que desacreditar ao BNG, empregando para tal fin todos os recursos e estruturas da administración.
Definitivamente o do PP non pasa da política da náusea.
___
Artigo publicado en Xornal.com o 18-06-2009.