Antes de nada situemos a cuestión. As de onte foron unhas eleccións europeas; nin xerais (coma o PP pretende dar a entender para capitalizar a súa pírrica vitoria a nivel de estado), nin galegas, coma semellaba onte ao escoitar a Nuñez Feijóo, nin municipais.
Os resultados obtidos polo BNG, pese a ser a forza cun maior respaldo electoral de todas as que integraban a coalición Europa dos Pobos, e inda tendo garantida a presenza de Ana Miranda como eurodeputada cando menos por un ano e medio como resultado desa coalición, non foron positivos, pese a ser previsíbeis.
Eran previsíbeis polo clima absolutamente bipartidista desta campaña practicamente inexistente a nivel social. Previsíbeis por ter transcorrido tan só 90 días dende a derrota electoral nas autonómicas. Previsíbeis tamén pola elevada mobilización do electorado de dereitas, e pola enorme abstención que demostra máis unha vez a nula identificación social con este modelo Europa.
Pero a chave máis importante está en que este resultado, non é, baixo ningunha circunstancia, extrapolábel a outros comicios. Para mostra un botón. En 1999 o BNG colocaba a Camilo Nogueira como eurodeputado con 335.000 votos, nunhas eleccións que coincidían coas municipais. Dous anos antes, en 1997 nas eleccións autonómicas do sorpasso o resultado fora 60.000 votos superior ás do 99, e nas xerais de 2000 non se superaban os 306.000 votos, para volver nas autonómicas de 2001 a superar os 340.000. Os datos evidencian, que a comparación de resultados entre convocatorias de diferente natureza, só nos leva a conclusións erradas e moi distorsionadas.
A partir de aquí, haberá que aproveitar estes cinco anos que se abren, para difundir e explicar, nun traballo propio de formigas, alén das limitadas campañas electorais, o modelo de construción europea que defende o nacionalismo galego, e que se debuxa, en clara coincidencia con outras forzas soberanistas e de esquerda do conxunto da UE, como antagónico á Europa do capital e dos estados que defenden, con pequenos matices diferenciais, neoliberais, democristiáns e socialdemócratas.
___
Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 9-06-2009.