COMUNICADO
GALIZA NOVA DE VIGO APOIA ÁS/AOS TRABALLADORAS/ES DO METAL NA SÚA SEXTA XORNADA DE FOLGA.
- A organización xuvenil do BNG en Vigo rexeita a represión policial e reclama explicacións ao Delegado e Subdelegado do Goberno.
Vigo, xoves 4 de xuño de 2009.- Perante a sexta xornada de folga que as e os traballadores do Metal están a celebrar hoxe, a asemblea comarcal de Galiza Nova (organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego) de Vigo, quere manifestar novamente o seu completo apoio e solidariedade cos operarios do sector que se están a mobilizar para reclamar un convenio colectivo xusto.
Queremos denunciar a inxustificada e desproporcionada acción represora das forzas policiais, como a que tivo lugar onte en Vigo, con cargas e disparo indiscriminado de pelotas de goma contra dos traballadores, sen previo aviso, e mentres estes celebraban pacificamente unha asemblea, e que resultou en varios feridos. Esta mesma mañá, arredor das 11h, volvían producirse uns feitos semellantes que provocaron, segundo se recolle nalgúns medios, o traslado hospitalario dun traballador.
Reclamamos, en consecuencia, que o Delegado do Goberno Central en Galiza, Antón Louro, e o Subdelegado en Pontevedra, Delfín Fernández, dean as explicacións pertinentes e tomen as medidas oportunas con carácter inmediato para evitar que estes feitos, que vulneran os dereitos fundamentais de folga e manifestación, se volvan repetir. As forzas de orde público non poden ser utilizadas como garda particular dos intereses dunha patronal, que só pretende someter a xusta loita das e dos traballadores dun sector do que viven milleiros de familias.
Finalmente instamos ao conxunto da mocidade da comarca a reafirmar o seu apoio e solidariedade con estes traballadores e traballadoras, que coa súa firme resposta están a dar un exemplo de dignidade.
___
Nota remitida a todos os medios de comunicación ás 11:30h.
thanks
GústameGústame