O paradoxo de que sexan precisamente as eleccións europeas as que menor interese parecen suscitar, cando se calcula que máis do 70% das decisións que nos afectan como cidadás e cidadáns proveñen das institucións da UE, e máxime cando é o Europarlamento, que imos elixir, a única instancia minimamente democrática da unión, non deixa de sorprender.
Hoxe son as clases dominantes, as mesmas que teiman en amarrarse ao fracasado paradigma neoliberal, as que fomentan a indiferenza e o euroescepticismo. Dixen nalgunha ocasión que a actual concepción de Europa non é aceptábel. Porén, a oportunidade que para as clases traballadoras, e especialmente a galega, teñen estes comicios non debe ser desaproveitada.
A participación masiva nas eleccións do 7 de xuño, mediante o voto a opcións liberadoras e de esquerda, como a representada polo nacionalismo galego, é unha oportunidade excepcional para apostar pola construción dun novo sistema socioeconómico.
Non é polo tanto casual que se estea a fomentar a abstención, a sabendas de que clase representa a maioría social.
___
Artigo publicado en Xornal.com o 02-06-2009.