Pese á teimosía de PSOE e PP, e dos seus medios afíns, as do 7 de xuño non son unhas eleccións xerais. Neses comicios escolleremos as e os nosos representantes na única institución minimamente democrática das que compoñen o complexo esqueleto da Unión Europea: o Parlamento Europeo. A imposición dunha circunscrición estatal, que non é acorde coa diversidade identitaria e territorial, tenta favorecer máis unha vez ás forzas políticas españolas, dificultando deste xeito o acceso á representación no Europarlamento de forzas que foron, son ou serán goberno nos seus respectivos territorios.
A construción da Europa Social e dos Pobos, que arela unha ampla maioría social, ou máis ben a deconstrución da Europa do Capital e dos Estados -que deseñaron tanto neoliberais como amplas capas da socialdemocracia europea-, non pode ser allea ao escenario de crise sistémica que estamos a vivir. Son pois a cuestión socioeconómica e sociolaboral os elementos centrais desta elección. Foron clarificadoras as declaracións do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, apostando por unha Europa das e dos traballadores, anunciando que o escano que ocupe o BNG en Bruxelas estará ao servizo das clases populares, para plantar cara a directivas antisociais como a de Servizos (antes coñecida por Bolkestein), a migratoria ou a dos tempos de traballo. Trátase pois de inverter o modelo de construción europea ao servizo das transnacionais que consagra o Tratado de Lisboa, apostando con firmeza pola economía produtiva. Unha economía produtiva, que no caso galego, pasa por poñerlle fin á aldraxe da cota láctea e ao peche forzoso de estaleiros, por citar os exemplos máis sangrantes, tal e como está a esixir con firmeza Ana Miranda.
As galegas e galegos non tivemos opción para decidir se estar ou non na UE, mais do que si temos a opción o vindeiro día 7 é de facer que unha voz defenda de xeito contundente e insubornábel os nosos dereitos como país, que hoxe máis ca nunca están ligados aos intereses das clases traballadoras. Esa voz só pode ser a do nacionalismo galego e de esquerdas que encarna o BNG.
___
Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 26-05-2009.