O conflito do Metal na provincia de Pontevedra, tivo onte a súa cuarta e máis intensa xornada de folga, cun seguimento case total. Milleiros de traballadores, como en xornadas anteriores, ocuparon as rúas de Vigo para reivindicar un convenio colectivo xusto, fronte á actitude inflexíbel dunha patronal botada a monte, que se nega a negociar nada alén da conxelación salarial, ou o que é o mesmo: a perda de poder adquisitivo da clase traballadora.
A desproporcionada e inxustificada actuación policial, con cargas indiscriminadas, persecucións polas rúas e ráfagas de pelotas de goma, colocou novamente este conflito na primeira plana mediatica. Algúns medios de comunicación teimaron na súa práctica habitual de empregar estes feitos proxectándoos dun xeito distorsionado, para deslexitimar socialmente a xusta loita das e dos traballadores dun sector que representa a preto de 30.000 familias, e que conta co apoio e solidariedade dunha inmensa maioría social.
Tanto a patronal, coma os gobernos central (PSOE) e galego (PP), saben que conflitos coma este son exemplarizantes, e un bo indicador da forza e da capacidade de resposta do conxunto da clase traballadora galega, de aí que queiran por todos os medios dobrar a súa loita, que se está a demostrar contundente en boa parte grazas á valentía e coherencia da CIG, central que lidera o proceso negociador e de mobilizacións.
A vitoria sindical neste conflito, será tamén unha vitoria para o conxunto da clase traballadora galega. De aí a súa importancia.
___
Artigo publicado en Xornal de Galicia e Xornal.com 0 22-05-2009