Os resultados da Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG, que tivo lugar o domingo pasado en Compostela, son a estas horas sobradamente coñecidos. Guillerme Vázquez, contra o prognóstico do oficialismo mediático, foi elixido novo portavoz nacional da fronte nacionalista.
O maioritario apoio recibido pola candidatura encabezada por Guillerme Vázquez, que resultou a máis votada tanto para o Consello Nacional como para a Executiva, significa que a militancia tomando nota dos erros cometidos, optou claramente por un cambio en positivo dende a afirmación da ineludíbel unidade plural do nacionalismo, que resulta nun BNG cun perfil ideolóxico máis claro -máis nacionalista e máis á esquerda-, que sitúa as clases populares como destinatario prioritario do seu proxecto transformador, apostando por unha maior relación cos movementos sociais de base.
Na intervención brillante e enérxica, interrompida por reiteradas ovacións, coa que se pechou a AN, Guillerme Vázquez, despois de definirse a si mesmo como un afiliado máis, manifestou o firme compromiso por construír en Galiza unha alternativa ao neoliberalismo, dende a aposta pola economía produtiva. Fronte á globalización neoliberal, que cualificou de modelo en bancarrota, o novo portavoz enarborou a bandeira do antiimperialismo, condenando a ocupación de nacións soberanas como Iraq ou Afganistán.
No interno hai tamén unha clara corrección no modelo organizativo, superando funestos hiperliderados, recuperando o carácter colexiado na dirección e devolvendo o papel central que a militancia nunca debeu perder.
O proceso asemblear do BNG, foi máis unha vez exemplificante, demostrando a absoluta democracia interna que se practica na toma de decisións, avalada desta volta por unha participación histórica. Desta Asemblea Nacional sae un BNG máis forte e cohesionado dende a súa diversidade, listo para facer fronte dende xa ao PP na Xunta -que xa asomou o seu perfil antisocial e antigalego e que non pasa de ser sucursal da dereita españolista-, pero tamén ao seguidismo do dogma neoliberal por parte do PSOE no goberno central.
___
Artigo publicado en Galicia-Hoxe o 12-05-2009.
Particpación histórica???
Máis ben elitismo: http://cuartos.blogaliza.org/2009/05/26/elitismo-no-bng/
GústameGústame