O movemento nacionalista galego acaba de acometer na súa organización política, o BNG, un profundo remozado ideolóxico, programático e organizativo, do que sae unha fronte unida dende a súa diversidade, e cun perfil moito máis nítido, como forza nacionalista e de esquerdas, que enfoca o seu proxecto preferentemente cara as clases traballadoras e a pequena e mediana empresa.
Na Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG tivo lugar unha ilusionante posta a punto do BNG, que demostra que o nacionalismo galego tomou boa nota da mensaxe que lle enviaron os preto de 40 mil galegas e galegos que decidiron retirarlle a súa confianza nas pasadas eleccións do 1 de marzo. O principal obxectivo é recuperar precisamente esa confianza, e sumar inda máis apoio social.
O resultado dese proceso, do que participaron máis de 5.000 militantes, mostra ao Bloque como unha forza plenamente democrática capaz de exercer a autocrítica e de emendar os erros cometidos, algo infrecuente no panorama político oficial, pero imprescindíbel para unha forza transformadora.
Hai a quen loxicamente non lle gustou nada ese resultado. O Partido Popular trala elección da nova dirección do BNG, encabezada por Guillerme Vázquez como portavoz nacional, xa se apresurou en cualificala de radical. Non lles presta nada ben comprobar como o Bloque saíu reforzado do seu proceso asemblear, preparado para dar a batalla como única alternativa real ao proxecto antisocial e antigalego que encarna a dereita españolista do Partido Popular.
Probabelmente preferirían un BNG máis dócil, fácil de calar e someter, que non propuxera impertinencias como a priorización dos intereses das e dos traballadoras, e da pequena e mediana empresa, para facer fronte á crise, con medidas coma o salario social; que non apostase por acrecentar e intensificar a súa relación co nacionalismo social e as súas organizacións de base; que non cuestionase o paradigma neoliberal que nos levou a esta grave situación, ou que non defenda con claridade un modelo económico e social alternativo, asentado na xustiza social e na economía produtiva e autocentrada. Gustaríalles un BNG que non pasase da pose rexionalista que eles gastan, e que non tivese o firme empeño de defender os nosos dereitos como nación tendo tendo por obxectivo final a emancipación nacional e social de Galiza. De seguro que lles sería máis cómodo un BNG que renunciase tamén ao seu claro antiimperialismo e á súa solidariedade internacionalista, e así evitar a súa denuncia de ocupacións ilegais como as de Irak ou Afganistán, ou as situacións do pobo Palestino ou Saharaui.
No seu afán intoxicador, no que contan coa conivencia do aparello mediático da dereita española, non dubidan mesmo en afirmar a existencia de fracturas internas, que non existen fora do terreo dos seus propios desexos. O obxectivo é o de debilitar o novo liderado, colexiado, do BNG, a sabendas de que este está en mellores condicións ca nunca para impedir o regreso ás políticas do fraguismo e do aznarismo. Non hai tal desunión, tal e como exemplifican as primeiras declaracións do compañeiro Carlos Aymerich, porque no BNG non hai lugar para vencedores e vencidos, nin para oposicións internas; haino iso si, para a rica diversidade e pluralidade que dende a súa fundación o compón. No BNG a unidade non se sustenta na laminación de ningunha corrente ou sensibilidade, como acontece noutras formacións, senón que se constrúe en base ao acordo, aos consensos e cando estes non son posíbeis na expresión libre e democrática da vontade militante.
Descualifican dende o minuto cero a este BNG renovado, porque o temen, xa que ameaza a súa exigua maioría electoral. Os seus ataques son o primeiro indicador de que os cambios acometidos van na liña acertada, en beneficio da maioría social do noso país. O preocupante sería que o Partido Popular aplaudise ao Bloque, sendo como é a súa antítese.
___
Artigo publicado en Xornal.com o 11-05-2009.