Este domingo, preto de 2500 delegadas e delegados, constituirán a Asemblea Nacional Extraordinaria do Bloque Nacionalista Galego, que terá como principiais cometidos, a análise dos resultados do pasado 1M, e a conseguinte redefinición en termos políticos, programáticos e tácticos, así como a elección dos novos organismos de dirección da fronte, e a súa portavocía nacional.
O documento político aprobado por unha amplísima maioría no Consello Nacional, e que será enriquecido coas emendas aceptadas por este ou as que a asemblea decida incorporar, recolle en liñas xerais non só unha análise acaída, en chave autocrítica, do revés electoral e da acción de goberno do BNG, senón tamén debuxa a grandes trazos o perfil renovado do Bloque, que pasa por un remozado en base aos principios fundacionais. É un documento avalado pois por un elevado consenso, que será de seguro maior unha vez remate o seu debate no plenario, e sairá da votación como a necesaria, inda que sintética, folla de rota coa que fixar o rumbo da nave nacionalista nos próximos anos.
Unha das principais conclusións que se poden tirar do resultado do 1M é que a acción no eido institucional, por moi boa que for (e no caso do bipartito en termos xerais foi positiva), non é suficiente para conseguir unha correlación de forzas favorábel a un proceso de transformación profunda, como o que representa o Bloque para o noso país. As institucións son un ámbito de traballo importante, mais non o único nin o central. Débese pois, recuperar e ampliar o traballo social, mellorando e incrementando as relacións coas organizacións de base (central sindical, organizacións veciñais, ecoloxistas, estudantís…), se queremos que a vocación hexemónica, alén do electoral, sexa unha aposta real e non unha mera declaración de intencións. Trátase de desenvolver unha estratexia asentada en dous ámbitos, que pese a ser distintos son igual de importantes, e sen que exista prelación dun sobre o outro.
A necesidade de enfatizar, expresándoo de xeito directo e explícito, o carácter nacionalista e de esquerdas, de compromiso coas clases populares e de defensa dos dereitos nacionais do noso pobo, do proxecto nacionalista galego está completamente xustificada. Non porque este estivese en cuestión -boa mostra diso foi o resultado das asembleas comarcais-, senón polo contexto histórico de crise sistémica que acentúa as contradicións nacionais e de clase, e polo feito obxectivo de que cando menos hai síntomas de que unha parte da base electoral do BNG, se cadra con algunhas razóns, ten dúbidas nese senso. Non é por pose, nin por ningún afán esencialista. A reafirmación de que o BNG é un proxecto nacionalista e de esquerdas, e que os destinatarios principais deste son as clases traballadoras e non ningún suxeito abstracto, é o xeito de clarificar ideoloxicamente o que somos como proxecto transformador; punto indispensábel dende o de partir para aglutinar e sumar máis pobo. Só podemos medrar dende a afirmación clara do que somos, non diluíndonos e inda menos homologándonos coas forzas sistémicas, dende a moderación ou a renuncia ideolóxica.
Unha vez actualizadas as coordenadas e corrixido o rumbo, tocará decidir a quen poñer ao temón. No BNG non pode haber sitio para os hiperliderados, modelo alleo, nefasto e fracasado que entre outras cousas provocou a desconexión de boa parte da base social, e mesmo militante, do nacionalismo co propio BNG. A fronte dotouse, dende o seu nacemento, de organismos que con carácter colexiado, e dende o exercicio plenamente democrático, integrando e respectando ás minorías, son os encargados da dirección política da organización, sempre en base ás liñas fixadas polo conxunto da militancia en asembleas, e sempre dende o sometemento dos organismos á vontade militante expresada nestas.
Porén, non é menos certo que por mor de distintas disfuncións faise imprescindíbel que unha das conclusións desta Asemblea Nacional sexa a de devolver o papel de actor central á militancia, facendo primar o colectivo sobre o individual, o carácter colexiado fronte aos personalismos -que son antitéticos ao propio BNG-, como único xeito de vertebrar un proxecto cohesionado á par que diverso, no que coexisten distintos enfoques e diferentes utopías, asentados nun sólido denominador común.
Estas ideas que son o cerne da proposta presentada pola Alternativa pola Unidade, teñen un amplo respaldo por parte da militancia. Porén, é necesario, por non dicir indispensábel, que a nova Executiva Nacional do BNG sexa resultante dun grande consenso que integre a todas as sensibilidades, sen exclusións. A ese respecto tanto ten se o resultado obtido por ApU, como candidatura con maior número de delegadas e delegados, fose como desta volta un 48% ou dun 51%. A efectos prácticos, sería unha tremenda irresponsabilidade non aspirar e traballar, por un acordo que represente ao conxunto da organización. A renuncia, inda que sexa apenas formal, a chegar a puntos de acordo e consensos, só demostra unha falta de sentido de organización, sabendo, como todas e todos sabemos, que a unidade do nacionalismo é requisito sine qua non para a súa propia existencia como proxecto con vocación maioritaria.
Por outra banda parece indiscutíbel, en base aos apoios obtidos polas diferentes candidaturas no proceso de elección de delegados, que o vindeiro portavoz nacional será Guillerme Vázquez, quen co seu discurso claro, sincero e directo, está a reilusionar a unha parte importante da militancia, que comezou ollando con excepticismo este proceso asemblear. O contrario sería unha fraude fronte a vontade da militancia.
O vindeiro 10 de maio abrirase, de seguro, unha nova xeira no nacionalismo galego, que moitas e moitos confiamos en que o levará non só a recuperar os apoios perdidos, senón a sumar máis ao proxecto de liberación nacional e social que é o Bloque Nacionalista Galego.
___
Artigo publicado en Xornal.com o 05-05-2009.