Tres millóns de franceses secundaron a segunda folga xeral da era Sarkozy, días despois de que 200.000 traballadores portugueses ateigaran Lisboa, da man CGTP-IN, nunha xornada histórica. Ambas convocatorias son o resultado do profundo descontento e desacordo da clase traballadora, fronte á resposta que dende os gobernos europeos se está a dar fronte a crise sistémica.
Na Galiza o pasado 10 de marzo, aproveitando a conmemoración do Día da Clase Obreira Galega, milleiros de traballadores do noso país nos manifestamos coa CIG en defensa do emprego e as prestacións sociais, como antesala dun 1º de maio que será previsibelmente masivo e intenso, e que suporá o paso definitivo cara unha folga xeral que se demostra inevitábel de non mudar substancialmente as políticas do goberno de ZP.
Xusto un mes antes, o 1 de abril, a Federación Sindical Mundial, convoca a nivel internacional unha xornada de mobilizacións, para esixir que a crise non a paguen as e os traballadores, e que servirá para testar cal é o clima social a nivel mundial e a resposta da clase traballadora.
===
Artigo publicado en Xornal de Galicia e Xornal.com o 23-03-2009.