A linguaxe non é aséptica nin moito menos inocua. Ten carga conceptual, tanto nos significados como nos significantes. A linguaxe é o principal soporte do pensamento, de aí a importancia capital que ten a linguaxe no campo da mercadotecnia, da propaganda, tamén na política.
O mass media oficial, aquel que sustenta e se sustenta no establishment económico e político do sistema, está a dar un espectáculo noxento e vomitivo, co xeito no que está a cubrir o masacre israelí en Gaza, que en vítimas directas equivale xa a máis de tres traxedias como a do 11-M.
No canto de informar, non só desinforman senón que mesmo deforman a realidade. Certo é que a realidade non é unha masa compacta e facilmente obxectivábel, senón que é cuestión de perspectiva.
Dedicar o mesmo tempo “informativo” ás vítimas palestinas, que ás baixas israelís, cando as primeiras son cen veces máis que as segundas, é unha obscenidade. Insistir permanentemente na presunta ligazón entre Hamas e os estados de Siria e Irán, e non denunciar a alianza de Israel e os EUA, e a conivencia da UE, é dunha parcialidade manifesta.
Cando o secuestro indiscriminado, cando non o asasinato selectivo, de civís son presentados como accións antiterroristas. Cando a todo árabe se lle etiqueta automaticamente de fundamentalista radical. Cando se obvia que o que está a facer o estado de Israel en Gaza constitúe, en base ás Convencións de Xenebra, crimes de guerra. Cando se confunde deliberadamente antisionista con antisemita. Cando se apela á neutralidade xornalística para encubrir a parcialidade evidente a favor do agresor… O que se fai é promover a submisión ao discurso que xustifica a inxustiza e converterse en cómplices de atrocidades.
É indigno e lamentábel que con máis de 600 mortos, e máis de 2000 feridos, resultado dunha agresión ilexítima non teñamos nin tan sequera a honestidade de chamarlle ás cousas polo seu nome: xenocidio.
===
Artigo publicado en Xornal de Galicia o 08-01-09