A apertura da sesión de investidura que elixirá ao presidente do goberno central arrancou coa intervención do candidato socialista, Jose Luís Rodríguez Zapatero. O formato da sesión, fai que de entrada esta intervención que abre o debate sexa habitualmente pouco substancial e máis ben difusa.
Zapatero engadiu da súa colleita a eses parámetros previos a súa permanente indefinición nun discurso que pretendendo abranguer unha grande cantidade de asuntos non pasou da pincelada dialéctica, ou no mellor dos casos dunha declaración de intencións en ton de bríndis ao sol. Nin o seu ton e dicción mitineiras e pouco naturais, foron quen de engadir inda que fose a golpe de declamación algún tipo de brillo, por moito que a bancada socialista se empeñara en romper en aplausos cada poucas frases.
O discurso do candidato Zapatero en termos estéticos non emocionou a ninguén, nin tan se-quer achegou a mínima dose de profundidade no senso dialéctico. Era apenas unha mestura de slogans, titulares e claims, ou frases soporte. Un artificio máis, inda que algo pobre, de mercadotecnia política. Como parlamentario nunca se luciu o presidente en funcións, nin nos seus tempos de deputado raso. Semella que o hemiciclo non lle resulta un cenario cómodo e da a impresión de estar a desgusto, con falta de axilidade verbal e mental.
No político a intervención resultou nunha especie de crónica dunha investidura previsíbel unha vez o PSOE desprezou, estreando o seu novo talante, o apoio das forzas nacionalistas, renunciando á eleción nunha única votación. Porén, hai algúns elementos positivos no dito por Zapatero, destacadamente no referido ás políticas sociais, co anuncio de continuar a amplialas e estendelas, cunha aposta por adicar máis esforzos aos segmentos sociais máis desfavorecidos e desprotexidos e coa pretensión de continuar a xerar máis e mellor emprego.
Inda así, eses elementos positivos que poderíamos definir como o bloque social do discurso de Zapatero, veuse deslucido polas dúbidas que suscita que estas iniciativas poidan sustentarse coa política económica que enunciou o candidato socialista, que se pode resumir no paradoxo incompatíbel do máis por menos: máis política social e menos impostos. Difícil de crer.
Ademais houbo outros aspectos negativos entre os que cabe destacar o afán centralista que se cristaliza na pretensión de reservar para o estado o 50% do gasto público, o que ademais dunha medida regresiva carece de toda lóxica tendo en conta o mapa de competencias transferidas. O natural será dotar de recursos ás administracións, neste caso as diferentes comunidades autónomas, para que estas poidan facer fronte aos gastos que conleva a xestión das cuestións transferidas (ensino, saúde, xustiza…), non reter en mans do goberno central eses recursos.
A decepcionante renuncia a reformar a lei do aborto e á despenalización da eutanasia, a non mención ás reformas do Senado ou do Tribunal Constitucional ou as escasas referenzas ás infraestruturas, son algúns exemplo máis dun discurso con escasísimo impulso reformador e con pouco fondo.
Por último, a sutil chiscadela lanzada ás forzas nacionalistas afirmando que quere contar con elas nos pactos de estado, inicialmente ofrecidos ao PP e de maneira directa a Mariano Rajoy, debería ser unha obviedade, ou ¿acaso pode existir un pacto de estado sen contar con forzas que, como o BNG, serán imprescindíbeis na gobernabilidade do Estado e coas que o PSOE se vai ver obrigado a contar para sacar adiante o seu paquete lexislativo? A non ser que agora o aliado preferencial de Zapatero sexa o Partido Popular.
===
Artigo publicado en Xornal.com , en Mundo Galiza o 09-04-08 , en Rebelión o 11-04-08 e en InfoRosal o 12-04-08.