O vindeiro 20 de febreiro a cidadanía galega, xunto coa do conxunto do Estado Español, estamos convocadas e convocados para opinar arredor do Tratado Constitucional Europeo, nun referéndum , que de entrada poderíamos calificar de propagandístico, e por precipitado tamén de antidemocrático.Democracia é participación, é uso da cota de soberanía popular que a cada cidadá, que a cada cidadán, nos corresponde cómo partes integrantes dun conxunto social, nun marco xurídico-político, pero democracia é tamén información, a necesaria información que precisamos todas e todos para poder opinar dun xeito razonado sobor cualquer cuestión. Non vale a propaganda, non vale a manipulación feita a golpe de eslogan, debemos exixir información veraz.
De Hamlet, sonado personaxe da literatura universal da man de Shackspeare, dician que estaba tolo, e cando menos parecíao. Mais na prisión que para el representaba aquela Dinamarca, de salón, de palacio, de falacia, a locura era un instrumento, un medio. Facíase o tolo para poder pensar, para poder deseñar a sua estratexia, mentras observaba, divertindose co tratamento que lle proferían. Hamlet tería sido un xenio insólito nunha actualidade marcada pola ausencia de reflexión, de debate. Non existe democracia sen participación, non existe participación sen reflexión, non existe reflexión sen información.
A razón, o pensamento, a reflexión son as máis distintivas señas da esencia da verdadeira e xenuina liberdade persoal. A disensión a sua manifestación máis activa.
Europa forma parte da nosa realidade, se cadra dun xeito menos visíbel que outros elementos, pero forma parte de nós, e formamos parte dela. O discurso que históricamente defendeu o nacionalismo galego, foi de marcado acento europeista, como cristalización do internacionalismo que defendía, e defende, a nível global.
Europa ben merece de vinte minutos. Vinte minutos antes de votar sí ou non á carta outorgada que queren converter en constitución. Ao marxe do que cada quen pense, ao marxe do que cada unha, cada un, de nós consideremos sobor do texto, é necesario reflexionar. Cando menos vinte minutos, só vinte minutos, escasos vinte minutos (sen dúbida canto maior sexa o tempo mellor, pero a estas alturas esperar que o conxunto da ciudadanía na sua maioria dedique vinte minutos a pensar con calma, , detidamentesobre o tema da consulta do 20-f, é unha aspiración que de ser cumplida encheríame persoalmente de satisfacción).
Defendan o sí ou non, pensen vinte minutos en Europa, pero desde Galiza. Pensen nos pros, nos contras, pensen en se nos é ou non propio o texto, pensen, pero pensen en clave de futuro. Pensen, e decidan, se o módelo que nos propoñen é o que arelamos para nós e para o futuro. Pensen se paga a pena construir esa Europa… ou outra distinta. Pensen, e decatense de que existen alternativas, opcións posíbeis de construir outra realidade comunitaria que non se teña que sustentar ineludíbelmente nos pilares do neo-liberalismo máis antisocial, nos aliceres do pensamento único máis uniformador, ou nos lobbies mediatico-económicos.
Non creo que haxa ningun partidario do sí ao tratado constitucional proposto que pense que é o mellor, e moi poucos poderán valoralo rotundamente como bó. Porque non o é.
Ao longo destas semanas escoitei a motias persoas, falei con moitas delas, intercambiamos ideas, impresións, e opinións, nun xogo de base democrática que chamamos dialogo. Escoitei de todo, e curado de espanto, tras unha pausada reflexión persoal, non militante, decidín votar NON.
Moitas desas persoas, cidadás e cidadáns normais coma mín, ou coma vosté, dixeronme que votarían SÍ porque había que estar en Europa, porque inda que fora mellorábel (feito que recoñecía a meirande parte) ía ser igualmente aprobado, e con moral de derrotadas/os deberíamos rendirnos á evidencia e suscribir a cegas un contrato sen lelo.
Votarei NON, como unha parte agardo que importante do noso país, non por non crer en Europa, non por crer que a Unión Europea non merece nen precisa dun texto consticional, non por obstinación ou capricho. Votarei NON porque creo nunha outra europa, social, dos povos, democrática e pluricultural, porque creo que Galiza merece dunha outra Europa, e porque inda que finalmente o texto saia aprobado pola maioría mecánica que a maquinaria mediática do PSOE do PP se encargaron de crear, quero pensar que a miña maior e mellor aportación a Europa, foi construir unha Europa que conteña cidadanía activa, crítica,que poida disentir.
Por Europa, por Galiza, EU fareino.
Por Europa, por Galiza, votarei NON.
===
Públicado en Xornal.com o 07/02/05, en GalizaCIG-Actualidade o 09/02/05, en Arroutada Noticias o 11/02/05, en Vigo Metropolitano o 14/02/05, no web de Galiza Nova o 15/02/05, no Portal de AGAL o 17/02/05, e na edición local Vigo de La Voz de Galicia.