Comezo manifestando o escepticismo, a tempos indiferencia, que me suscitan os grandes “debates” públicos, mediatizados… ao cabo externos sobor do camiño que debe seguir unha ou outra forza política. Sei que moitas das persoas que escreben, que opinan, queren aportar para a mellor marcha do BNG, por ser éste o auténtico aparello de Estado da nosa nación, por elo quero convidalas/os a que o fagan desde o compromiso, desde a militancia ou a colaboración.
O Bloque Nacionalista Galego debe ser iso, BNG.
BLOQUE: O BNG naceu froito da vontade de integración, dun xeneroso esforzo de suma, de todas/os aquelas/es que apostaban pola construcción nacional e social de Galiza. O elemento plural é, sen dúbida, o matíz máis enriquecedor do BNG; a coexistencia de diferentes sensibilidades, perspectivas, nunha sólida base común, converten ao Bloque no mellor referente de Galiza como un país diverso. A discusión, o intercambio de ideas, enriquecedor, non é un freo, senon que é o mellor motor do proxecto que representa. A actual configuración frentista non é un atranco para o BNG, pola contra é un dos seus máis importantes valores, que debemos conservar.
NACIONALISTA: Renunciar ao alicerce mesmo da identidade ideolóxica e política dunha organización é asinar na praxe a condena a morte dun proxecto político. O BNG é NACIONALISTA polo seu firme compromiso coa Nación Galega, tendo sempre por diante Galiza como o primeiro (sen depender de Génova ou Ferraz). O BNG é Nacionalista porque defende os intereses e aspiracións da cidadanía galega, sen freos, sen receos, tal e como está a demostrar hoxe coa demanda da débeda histórica do estado co noso país, coa fiscalización do Plano Galiza (para que non sexa burda propaganda duns ou doutros), e coa demanda dun Estatuto de Nación para Galiza, entre outros. O BNG non debe renunciar aos supostos ideolóxicos que dan corpo ao seu proxecto, sería renunciar á sua columna vertebral. Modular, actualizar, modernizar, achegar… SÍ! todo o que sexa necesario para que o proxecto sexa o máis amplamente representativo posíbel, para reunir e SUMAR a todas/os que arelan unha Galiza nova, distinta, mellor, para construila entre todas e todos.
GALEGO: Vivemos nunha nación sen estado da periferia norte peninsular que vive anclada nun profundo retraso económico, coa sua cultura afogada. Galiza debería estar nunha situación moi diferente, iso compárteo a absoluta maioria das galegas/os. Quen acusa de insolidariedade ao BNG por defender o que Galiza merece, tan só colabora cos intereses dun aparello de Estado que relega a Galiza á eterna marxinalidade. O BNG ten demostrado, o nacionalismo galego ten demostrado, histórica solidariedade e cooperación co resto de povos da península, de Europa e do mundo. O BNG aposta por relacións internacionais baseadas no respeto, de igual a igual, pero non de sumisión.
É certo que son necesarias melloras, reformas e optimizacións no ámbeto interno, sobor de todo no respeitivo á proxección social do proxecto de cambio que o BNG encarna para o noso país, mais deixemos que sexa o propio BNG, a través dos debates necesarios, quen proceda.
En consecuencia, a mellor receita para o BNG é que sexa iso: O BNG, o que Galiza precisa
====
Publicado en Xornal.com o 21/07/04
(Imaxe tirada de www.bng-galiza.org.)