Desatouse por fin, e en boa parte grazas á repercusión meiática que tivo o ocurrido no Parlament Catalá, un grande debate social e político arredor da corrupción institucional no noso país.
E non é nen por inercias nen por absurdo mimetismo, senon pola evidencia que clama a gritos por todas partes de que o “enriquecemento ilícito” por parte de cargos institucionais, que denunciara no seu intre o Conselleiro López Veiga (non por afán democrático senón como estratexia no xogo de poder no seo do PPdG), non é nen irreal nen isolado, senon que se percibe socialmente, como manifestamente constatábel en todas as alturas do campo institucional, na Xunta, nas Deputacións e nalgunhas alcaldías, nos que, dise, a prevaricación e as prácticas caciquís son moeda corrente.
Ata onde chegan esas prácticas descoñezoo, mais coincido coa maioría social que sinala que aquí non hai trigo limpo, e se non o hai investiguemos e procesemos aos presuntos responsábeis, iso é o que como cidadanía nos cabe esperar, e exixir por parte do sistema xudicial, non que se obvien por intereses difíceis de definir.
Anxo Quintana, o BNG, ten dado un paso ao frente (cecais algo tardío pero firme), liderando a exixencia de claridade, de luz e taquigrafos, e de intervención xudicial fronte ás denuncias públicas que ao marxe das sutilezas son evidentemente razóns de peso para proceder con urxencia, como o fiscal Mena fixo en Cataluña, ¿por qué non actua do mesmo xeito Carlos Varela en Galiza?. A CIG e agora o BNG exixen que se investigue que se actue, pero Quintana vai máis alá e propón un grande pacto anticorrupción, pero non un pacto de silencio senón un compromiso de articular mecanismos públicos e independentes que salvagarden o noso sistema político da corrupción, do caciqueo, das redes clientelares ou do enriquecemento ílicito.
Non se poden tolerar, admitir, consentir ou ocultar prácticas abertamente ilegais por parte de representantes institucionais. Non se pode tolerar tampouco a indiferencia fronte a estos asuntos de notábel gravidade, e que evidencian a necesidade de hixienizar canto antes a democracia galega, e destacadamente o aparello institucional.
Emilio Pérez Touriño aspira a capitanear o cambio galego, inda que sexa desde o surrealismo dunha improbábel maioría absoluta do PSdG, e inda así xira a cabeza, e prefire non participar deste debate, máis que con intervencións ambiguas repletas de despropósitos como que descoñece que exista corrupción na Galiza cando o seu próprio partido ten denunciado esas prácticas en diferentes ocasións. Touriño aspira a governar Galiza, pagando mesmo o prezo de silenciar o inadmisíbel, negandose incomprensíbelmente a formar parte do pacto ofrecido por parte do BNG (ofrecemento sensato e razonábel) para frear a anticorrupción, alucindo a sua inexistencia; e inda que fose verdade, inda que há numerosas razóns para ter dúbidas formadas, de que en Galiza non existe a corrupción como fenómeno, ¿que problema tería articular mecanismos que a preveñan e a eviten? ¿non é razonábel e democráticamente lóxico facelo?
Se se quere iniciar o imprescindibel cambio político na Galiza, cun cambio de governo na Xunta, é tamén imprescindibelmente necesario depurar e hixienizar o aparello institucional instaurando unha política de tolerancia cero con posíbeis prácticas corruptas.
Pero non se pode aspirar a dar ese cambio, que Galiza tanto precisa, a cambio de silenciar, obviar e consentir ese fenómeno que nos coloca á altura dunha república bananera dos anos 70. Non nos valerá ese cambio, senon se produce a fondo, e con toda contundencia.
Galiza merece máis que iso, e non todo vale.
===
Públicado en Xornal.com o 4/03/05, Vigo Metropolitano o 4/03/05, Diario QUÉ! Vigo o 4/03/05, Arroutada!Informa o 4/03/05, Arredemo.info o 8/03/05, Web do Movemento polos Direitos Civís o 9/03/05, GalizaCIG-Actualidade o 10/03/05, Galiza Indymedia o 10/03/05 e no semanario A Nosa Terra.
(Fotografía de Cristina Maldonado)