Mil catro centos cinco traballadoras e traballadores de Ferrolterra quedaronse nesta quincena final do mes de febreiro sen o seu posto de traballo. Na práctica esa cifra ten unha dupla dimensión; dunha banda haberá mil catrocentas cinco persoas máis en Galiza privadas ao seu direito a traballar e que aceptarán unha saída forzosa que a xeito de “mal menor” é unha mera e inxusta prexubilación, e por outra a comarca de Ferrolterra, quedarase sen mil catrocentos cinco postos de traballo; traballo que sexa unha garantía de futuro que evite o crecente despoboamento e a emigración da mocidade cara outros pontos do estado e Europa, do Estado Español e de Europa.
Novamente Galiza é tratada con marxinalidade e desprezo por parte do Estado, novamente Galiza paga o pato de políticas económicas que tanto dano fixeron e fan á súa capacidade productiva, a cifra: dos máis de catro mil postos de traballo que desaparecen no sector naval no conxunto do estado, Galiza aporta un tercio. Diferenza notábel co trato que outras factorías recibiron. Segunda reconversión. Inxustiza inadmisíbel.
A Europa á que tanto lle debemos, á que segundo o PSOE e PP debemos axeonllarnos e ratificar o Tratado Constitucional “porque sí”, a Europa que financiou as grandes infraestructuras de comunicación (que como ben sinalaba alguén nunha recente mesa redonda, son de dobre dirección; e poden ser tamén para exportar materia prima e man de obra, a través da cada día máis crecente emigración, e pare importar productos elaborados, colonialismo ao uso en pleno século XXI), a esa Europa debemoslle un novo paso na desarticulación da capacidade productiva do noso país, xa que logo na desarticulación do futuro de Galiza. Foi a UE quen a través da súa política económica e de mercado, na salvagarda da “imprescindíbel” libre competencia, a que forzou a dar un paso atrás na negociación entre sindicatos e patronal, que se ben non era beneficiosa polo entreguismo das dúas grandes centrais sindicais de ámbeto estatal, si supuñan algún matiz positivo frente ao despropósito da reconversión forzosa do sector que agora vemos.
Defender o futuro de Galiza e das súas xentes, defender este país, pasa por defender as nosas potencialidades productivas, pasa polo desenvolvemento dunha economía integrada de noso que cree emprego e benestar, que aporte prosperidade e avanzo tanto ás zonas rurais como ás grandes urbes.
A castración económica a través dunha política pesqueira que nos afoga, dunha cota láctea incomprensíbel cando o Estado Español é deficitario en productos lácteos e que tivo e ten graves efectos negativos no sector gandeiro, e unha pésima xestión dos fondos europeus que no canto de invertilos para promocionar e apuntalar os eixos da nosa economía só serviron para comunicarnos vía autoestrada (compre apontar que Galiza precisaba desas infraestructuras e sigue precisando de outra moitas) coa “metropole”.
Desde a década dos noventa milleiros de mozas e mozos vense forzadas/os cada ano a abandoar as súas cidades e vilas para emigrar na procura de postos de traballo que lle garanten un mellor nivel de vida. ¿Alguén pensa que unha moza moañesa abandoaría a súa cidade para emigrar a Canarias se nela ou nas proximidades tivese emprego en condicións dignas? ¿Alguén cré que un mozo ferrolán abandoaría a súa comarca para desprazarse até Londres se tivese garantías de benestar alí? O despropósito de sinalar aos programas europeus Eramus ou Sócrates, ou ao afán de coñecer mundo, como as razóns de emigración galega deste século XXI é absolutamente falso e inadmisíbel.
Hoxe eu teño 1405 novas razóns para votar NON á Constitución Europea (por consagrar un modelo económico, político e social que nos deixa as/os galegas/os con poucas esperanzas de futuro), e 1405 novas razónS para apostar por un outro e novo governo galego que defenda os intereses do noso país con dignidade, e impida que nos volvan facer pagar o pato, mais para iso cecais sexa preciso mirar o mundo desde Galiza e non desde Ferraz/Génova.
===
Publicado en Arroutada!Informa o 11/02/05, Xornal.com o 15/02/05, Vigo Metropolitano o 15/02/05, Portal de AGAL o 18/02/05, no semanario A Nosa Terra, e no Xornal Galego A Peneira a 2ª quincena de febreiro.